A borrasca Dora deixa neve no interior da Galiza e máis de 1.600 estudantes fican sen aulas

Neva no centro de Lugo.

Caeron as primeiras folerpas do outono na cidade da Lugo. Mais non só. A neve fará presenza en boa parte da Galiza, pois a cota descende hoxe aos 500 metros.

“Primeiras folerpas do ano”, “Vaia nevada en Lugo agora mesmo”, “Pois si que comeza a nevar”... as redes sociais énchense de comentarios sobre a primeira nevarada deste outono.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía informa de que a cota descende até os 500 metros. En cidades como Lugo a neve fai acto de presenza xa na mañá da sexta feira.

A borrasca Dora deixa ademais nivel máximo de alerta, o vermello, no litoral noroccidental, segundo anuncia a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta. Para o resto da costa galega a alerta é laranxa, e amarela no interior da Galiza pola presenza da neve.

No mar activouse a alerta vermella desde a tarde da quinta feira, dadas as ondas de entre oito e nove metros. Na Mariña e na costa suroccidental espéranse ventos de forza oito e ondas de até seis metros.

Á borrasca súmase a entrada dunha masa de aire polar marítimo que deixa un acusado descenso nas temperaturas. A sensación térmica será mesmo máis baixa, coa combinación do frío cun intenso vento.

As chuvias poderán ser puntualmente fortes e con sarabia e tormentas.

Máis de 1.600 estudantes sen aulas

As consecuencias da situación climatolóxica adversa que afecta á Galiza esta sexta feira deixaron máis de 1.600 alumnos e alumnas sen clase, especialmente no interior.

En total víronse afectados 1.663 escolares de 36 centros educativos, dos que 21 tiveron que suspender a actividade lectiva, segundo os datos facilitados pola Consellaría de Cultura, Educación e Universidade.

Problemas nas estradas

As condicións meteorolóxicas complican a circulación en ao redor de 40 estradas da Galiza, entre elas varias autovías. Segundo a Dirección Xeral de Tráfico, a neve condiciona a circulación na A-6 ao seu paso por Lugo e por Pedrafita do Cebreiro. A vía é transitábel con precaución, ao igual que a A-54.

As nevaradas tamén causas problemas nas comarcais LU-540 ao seu paso por Muras, na LU-122 á altura da Pastoriza, na LU-701 en Abade e na Fonsagrada. Hai complicacións na N-540 ao seu paso por Lugo, na N-VI en Baralla, na LU-633 en Pedrafita e na CG-2.1 en Chantada.

A N-547 en Palas de Rei e a CG-2.2 en Abeledo tamén están a ser afectadas pola neve, ao igual que a N-634 no Apedairo e Curtis, a AC-101, no Alto do Pío e a AC-840 entre Burricios e Melide. Requírese precaución a quen circulen pola A-52 ao seu paso por Trasmirás (Ourense).

Á marxe da neve, o temporal de chuvia está a ocasionar saídas de vías e colisións por alcances en estradas de toda a Galiza.