Nova borrasca atlántica con grande impacto: así nos afectará 'Claudia'
A borrasca Claudia deixará nos vindeiros días un tempo inestábel e moi ventoso na Galiza, marcado polo paso de sucesivas frontes atlánticas que traerán chuvias intensas, mar moi alterado e temperaturas lixeiramente altas para esta época do ano.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o vento do sur soprará con forza durante toda a semana, provocando refachos moi fortes no litoral e nas zonas elevadas e un ascenso térmico que afectará especialmente as temperaturas mínimas.
Concretamente, a partir desta terza feira, a borrasca activará avisos amarelos por refachos de vento superiores aos 80 km/h, mentres que no mar agárdase vento do sur con intervalos de forza 7 e 8 e ondas de entre 4 e 5 metros.
Desde mañá martes teremos un forte gradiente de presión entres as baixas presións situadas no oeste de #Galicia🅱️e as altas situadas no #Mediterráneo🅰️, dando lugar a un corredor de ventos fortes de compoñente sur
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) November 10, 2025
Polo que o vento soprará con forza no litoral e en zonas altas⚠️ pic.twitter.com/QeDtJGWIN4
Para a cuarta feira agárdanse precipitacións persistentes, acumulándose máis de 40 litros por metro cadrado nalgunhas zonas en apenas 12 horas. Tamén se prevé temporal marítimo no litoral atlántico, onde hai activada unha alerta laranxa con ondas de entre 4 e 5 metros, e vento do sur con intervalos de forza 7.
A situación será máis complexa na madrugada, con refachos de vento por riba dos 100 km/h, ondas de máis de 5 metros e vento do sur con intervalos de forza 8.
Posíbeis inundacións e suspensión da actividade deportiva mariña federada
Ante esta situación, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta activou o Plan Especial ante o Risco de Inundacións (Inungal) en fase de preemerxencia, así como unha alerta laranxa por temporal costeiro no noroeste e en toda a faixa das Rías Baixas e o Miño.
O vento do sur ao suroeste poderá alcanzar forza 8 e a mar combinado procedente do oeste deixará condicións moi perigosas para a navegación. Por este motivo, a Secretaría Xeral para o Deporte anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade en espazos mariños, desde as 9 horas desta terza feira até as 9 horas da cuarta feira.
Emerxencias lembra á poboación a importancia de manterse afastada da liña de costa, diques e paseos marítimos, así como revisar os amarres das embarcacións e extremar a precaución en todas as actividades no mar.