A borrasca Caetano activa alertas laranxa e amarela por vento e chuvia na Galiza
A borrasca Caetano, que esta quinta afectará o territorio galego, obrigou a activar varias alertas por vento e chuvias de nivel laranxa e amarelo. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta da Galiza deu aviso dunha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña e na Mariña.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), este fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde as primeiras horas desta quinta feira no noroeste do litoral da Coruña (desde a comarca de bergantiños até a de Ortegal) e na Mariña por vento do oeste forza 8 ao redor de Estaca de Bares, así como mar combinado do oeste con ondas de até cinco metros mar dentro.
Ante esta situación, Emerxencias –a través do 112 Galicia– informou da situación a municipios, deputacións, servizos de Protección Civil e clubs náuticos, entre outros. A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, é dicir, de diques, rompentes e paseos marítimos, e o pide que se extremen as actividades no mar.
⚠️ AVISO | Este xoves 21, por mor da alerta amarela por ventos, o Concello pechará os parques da cidade como medida preventiva.
— Concello da Coruña (@ConcelloCoruna) November 20, 2024
Prégase respectar os precintos establecidos nas zonas acoutadas.
ℹ️ Consulta aquí as recomendacións de seguridade: https://t.co/u9eImeyLnJ pic.twitter.com/fy4E466tyw
Neste sentido o Concello da Coruña xa adiantou que ao longo desta xornada, 21 de novembro, os parques da cidade ficarán fechados ao público como medida preventiva.
Ademais, MeteoGalicia informa de varios avisos nivel amarelo por chuvias acumuladas puntualmente superiores aos 40 litros por metro cadrado nas comarcas de Ortegal, Ferrolterra e Eume, activos desde o mediodía até a medianoite.
O mesmo aviso amarelo estará en vigor nas montañas de Lugo (A Fonsagrada, Os Ancares, e zonas altas das comarcas de Sarria e Quiroga) e Ourense (Valdeorras, Viana, Terra de trives e Terra de Caldelas) así como na Mariña debido a ventos que superarán os 80 quilómetros por hora. As chuvias serán localmente fortes e estenderanse de norte a sur pola tarde. O vento do suroeste soprará forte con refachos moi fortes en zonas altas, avanza MeteoGalicia
Bo día! Hoxe a #BorrascaCaetano, profundizándose rápidamente ao norte, enviaranos unha fronte activa. Teremos chuvias localmente fortes, estendéndose de norte a sur pola tarde. O vento do suroeste soprará forte con refachos moi fortes en zonas altas⚠️ pic.twitter.com/giHZR49esB
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) November 21, 2024