A borrasca Barra mantén perto dunha trintena de mercantes ao abrigo das rías galegas

Ondas na costa da Coruña resultado da borrasca Barra (Foto: M. Dylan / Europa Press).
A alerta por ondas de até oito metros fronte á Costa da Morte e ás Rías Baixas obrigou aos grandes buques a buscar refuxio.

Os restos da borrasca Barra está a deixar na Galiza ondas que superan os seis metros e poderán alcanzar os oito fronte ás Rías Altas e a Costa da Morte, con vento forte do oeste.

A primeira hora da mañá rexistráronse algunhas por riba dos 7,70 metros ao norte da Estaca de Bares e mantéñense aínda agora por riba dos seis.

O empeoramento das condicións no mar conduciu nas últimas horas numerosos mercantes que atravesaban o corredor do Atlántico a buscar abeiro perto da costa galega.

Unha ducia de buques permanecen ao abrigo das illas Cíes desde onte e outros oito, baixo o amparo das Ons

Nas Rías Altas os grandes mercantes buscaron agocho tanto na ría de Corcubión como na de Ares, arredor duns 15, entre os que se atopan algúns buques cisterna, gaseiros e petroleiros, á espera dunha mellora para continuar a navegación. 

Alerta por neve

A Axencia Estatal de Meteoroloxía activou a alerta laranxa por fenómenos costeiros. Activa desde a pasada noite, o aviso afecta ao litorial galego máis tamén ás zonas de montaña onde se esperan acumulacións de neve por riba dos 800 metros.

Esta quinta feira continuará a situación complicada no mar, con ondas de máis de entre cinco e oito metros no litoral galego. Os ventos na Mariña serán de forza sete con algún intervalo de oito, igual que no noroeste.

No que vai de xornada, Meteogalicia rexistrou ventos de máis de 100 km/h Malpica, Cederira, Burela e Carballeda, na comarca de Valdeorras, onde tamén se rexistraron algunhas das temperaturas máis extremas na contorna dos 5 graos negativos, ao igual que en Manzaneda ou no concello da Veiga.