Alerta vermella desde esta medianoite en boa parte do litoral galego pola borrasca Aline

Impacto das ondas en Cangas, na ría de Vigo. (Foto: Agostime / Europa Press)
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, de diques, rompentes ou paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

A borrasca Aline obrigou a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) a decretar un aviso vermello por fenómenos costeiros na costa atlántica desde o Barbanza até A Mariña, e todo o litoral cantábrico desde Galiza até Euskadi. Segundo indicou o instituto meteorolóxico, o perigo será "extremo" a partir da medianoite desta quinta feira á sexta e nas primeiras horas da sexta, até o mediodía. As ondas poderían superar os oito metros de altura no mar.

Precisamente, de acordo coa información de Aemet, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta activou para esta quinta feira a alerta vermella por temporal costeiro en boa parte do litoral galego. Así, procedeuse a informar da situación os concellos, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e clubes náuticos afectados, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, de diques, rompentes ou paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Ante a alerta por vento, sinálase ademais a necesidade de seguir as medidas de protección, como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e xanelas e evitar pasar perto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptíbeis de se desprazaren con vento.

Continúa a inestabilidade

Tras as fortes precipitacións rexistradas na pasada xornada, esta quinta feira segue na Galiza unha situación meteorolóxica adversa, con choivas persistentes e vento forte. A situación é complicada no mar, con forza 8 e con intervalos de forza 9 entre Fisterra e Ribadeo. Nos valores máximos de Meteogalicia faise constar que se rexistrou en Forcarei un acumulado de precipitacións 98,7 l/m2, e refachos de vento de 122,4 km/h na estación de Lardeira, en Carballeda de Valdeorras.

Así, o boletín de avisos do instituto galego fai constar para esta sexta feira, 20 de outubro, que haberá temporal no mar con ventos fortes do noroeste e ondas superando os cinco metros de altura. Deste modo, por ventos haberá aviso amarelo a partir de medianoite en boa parte do litoral do país e áreas de montaña do interior. Por ventos no mar, na costa galega haberá aviso laranxa a partir de medianoite e na mañá da sexta.

Mentres, por ondada, Meteogalicia decreta unha alerta laranxa no litoral de Pontevedra desde a próxima medianoite até as 18 horas da sexta; e tamén durante a maior parte da xornada na costa. A situación no mar irá mellorando progresivamente, segundo Meteogalicia, finalizando o día 21 fose dos límites de aviso. En todo caso, nas primeiras horas do sábado manterase o aviso amarelo por ondada en toda a costa galega.