A borrasca 'Aline' deixa na Galiza centos de incidencias

Unha persoa protéxese da chuvia en Santiago de Compostela nunha imaxe de arquivo (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).
As incidencias relacionadas coas vías de circulación foron as máis repetidas, coa caída de árbores e pólas (86), as inundacións e as bolsas de auga (38).

O tren de borrascas, coa chegada de 'Aline', elevou a unhas 271 as inundacións e outras incidencias rexistradas polo 112 Galiza entre o mediodía da pasada desta cuarta feira e esta quinta feira.

Segundo informou, a maioría delas tiveron lugar durante a tarde da cuarta, mentres que esta madrugada sumáronse unicamente nove incidentes, ningún deles de consideración.

As incidencias relacionadas coas vías de circulación foron as máis repetidas, coa caída de árbores e pólas (86), as inundacións e as bolsas de auga (38).

A continuación, sitúanse as actuacións dos servizos de emerxencias para evitar riscos maiores (35) e as inundacións en rúas (32), vivendas (12), garaxes (9) ou baixos comerciais (8).

Por concellos

O maior número de incidentes rexistrouse en concellos como Santiago (22), A Coruña (6), Pontevedra e Tui (con 8), así como A Estrada (5).

Tamén Ribadeo e Friol, con tres cada un e, por último, os municipios de Avión e O Barco de Valdeorras sumaron tres.

Sen danos persoais

O 112 destaca que ningunha das incidencias rexistradas durante a pasada tarde e ao longo desta madrugada causou danos persoais. Con todo, si que se viu afectado a iluminación pública de cidades como Pontevedra, Santiago, Vigo ou Ferrol.

Na capital galega, ademais, as fortes choivas provocaron importantes inundacións en distintas zonas da cidade, con problemas en negocios do centro histórico e tamén do Ensanche.

Ademais, asolagáronse varias rotondas e os bombeiros tiveron que axudar a persoas que quedaron atrapadas nos seus vehículos debido ás balsas de auga -como unha muller e o seu bebé-.

Na Coruña tamén se rexistraron bolsas de auga na Avenida do Exército, a rotonda de Sabón e algúns tramos de Alfonso Molina, entre outras zonas.