O verán de...

Borja Verea: "Gozarei do verán en Santiago ou Porto do Son"

O candidato do PP á Alcaldía de Compostela e deputado no Parlamento galego, Borja Verea (Foto: Arxina).
Entrevistamos o candidato do PP á Alcaldía de Santiago de Compostela, Borja Verea para o caderno de verán de 'Nós Diario'.

—Fálenos do seu momento actual en xeral.
Nestes momentos o que quero é ser alcalde de Santiago. Teño nove meses por diante para conseguir a confianza dos veciños, a verdade é que nesas estou nestes momentos.

—Ademais de candidato á Alcaldía, tamén é deputado no Parlamento. Como é a súa relación co resto de parlamentarios?
É unha relación profesional que, ás veces, co traballo diario tamén se converte en persoal. Con todo, as miñas forzas están dedicadas á carreira pola Alcaldía.

—Se tivese que destacar un momento da súa carreira política cal sería?
O meu nomeamento de secretario xeral cando tiña 31 anos.

—Cal é a súa máxima aspiración política?
Sen dúbida, ser alcalde de Santiago. Sería a máxima honra dentro de toda responsabilidade pública.

—Daralle tempo a gozar do verán?
Si, tentarei gozar o verán en Santiago e en Porto do Son mais con menos tempo libre que outros anos. 

—Cal é o seu lugar favorito da Galiza?
A praia das Furnas.

—Praia ou piscina?
Praia. 

—A onde non iría nunca de vacacións.
Non descartaría ningún sitio.

—Algún lugar que non coñeza e que queira visitar?
Teño ganas de coñecer Arxentina, é unha viaxe que teño en mente.

—Unha viaxe que teña gravada como 'a viaxe'?
Unha vez que percorrín todos os refuxios de montaña dos Picos de Europa. Foi unha experiencia dura pero tamén gratificante. Tamén calquera das viaxes que fixen a Roma.

—Compra souvenirs cando viaxa?
Non adoito facelo.

—Un libro que recomende.
O longo adeus de Raymond Chandler, traducido ao galego por Diego Ameixeiras.

—Unha canción?
Calquera de Sons of Kemet.

—E un filme?
Fogo Fátuo de Louis Malle.