Traxecto único, bono unipersoal e fianza: así son as viaxes gratuítas en tren

Os trens Avant de Renfe terán finalmente un desconto de 50%. (Foto: Europa Press)
Os bonos multiviaxe de balde ou con bonificacións de 50%, en función do servizo ferroviario, poderán empregarse entre o 1 de setembro e o 31 de decembro de 2022.
  1. Cando podo viaxar gratis no tren?
  2. Quen pode beneficiarse das bonificacións?
  3. Que liñas ferroviarias afecta?
  4. Como podo solicitar o bono?
  5. Podo compartir o abono gratuíto ou bonificado?

O Consello de Ministras deu luz verde esta segunda feira o decreto que estabelece a gratuidade de determinados servizos ferroviarios durante catro meses, así como as condicións para acceder a estas bonificacións, que finalmente se estenderán alén da Media Distancia, as Cercanías e os Rodalies cataláns.

Cando podo viaxar gratis no tren?

Esta medida entrará en vigor o próximo 1 de setembro, e ficará activa até o 31 de decembro. Os novos abonos recorrentes poderán solicitarse a partir do 24 de agosto.

Quen pode beneficiarse das bonificacións?

As persoas usuarias dos trens de Cercanías, Rodalies e Media Distancia poderán viaxar de balde durante este período, mentres os abonos dos servizos Avant e AVE —mais non todos— terán un desconto de 50%.

Que liñas ferroviarias afecta?

O bono gratuíto poderá utilizarse na liña de Media Distancia do eixo Atlántico, que une A Coruña e Vigo. Haberá que agardar á publicación do real decreto-lei para saber se esta medida inclúe o Feve —servizo de Cercanías— que vai de Ferrol a Ortigueira e máis o Avant de Ourense á Coruña —neste caso cunha bonificación de 50% mais non de balde—.

Tamén se reducirá á metade, a través destas axudas, o custo de varias liñas de AVE, entre elas a que une Ourense con Zamora.

Como podo solicitar o bono?

Para obter o abono multiviaxe gratuíto, con traxectos ilimitados na liña solicitada entre setembro e decembro, a persoa usuaria deberá adiantar un pagamento de dez euros a modo de fianza —no caso das Cercanías—, que se devolverá se ao termo deste período a persoa realizou, cando menos, 16 viaxes. A fianza na Media Distancia é de 20 euros.

Podo compartir o abono gratuíto ou bonificado?

Non. O abono multiviaxe gratuíto de Renfe, así como no caso dos bonos do AVE e o Avant, será unipersoal e intransferíbel. Só poderá usalo unha persoa e para un traxecto concreto.