Bombeiros forestais exixen a súa incorporación inmediata ás tarefas de prevención

O incendio activo en Baleira o pasado mes de marzo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A temporada incendiaria é cada vez máis “adiantada” e “perigosa”

Bombeiras e bombeiros do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) da Xunta da Galiza veñen de denunciar a non incorporación de case 1.000 efectivos anti incendios no pasado mes de marzo ante unha “moi adiantada” e “moi perigosa” campaña incendiaria.

Así o trasladaron esta segunda feira nun comunicado no que fan referencia ao “dramático incendio” acontecido en Baleira (comarca da Fonsagrada) no que arderon 1.500 hectáreas. Para este colectivo, foi “o preludio dun verán de medo”. “O pasado xullo e agosto deunos aos galegos e ás galegas un aviso a navegantes de continuar con certas derivas erráticas nas políticas de montes da Galiza”, alertan.

Precisamente, lembrando os incendios do verán pasado, “urximos á Consellaría de Medio Rural, sen dilación algunha, a empezar a realizar políticas preventivas serias a este respecto”, sinalan.

Na súa condición de “profesionais cualificados” e “formados tras numerosas campañas”, bombeiras e bombeiros do SPIF entenden que cómpre a súa incorporación inmediata ás tarefas de prevención de lumes forestais. “As repentinas mudanzas e empeoramento das condicións meteorolóxicas vannos obrigar, ademais, a realizar xa traballos de extinción”, alertan.

Exixen, ademais, a ampliación dos meses de traballo de seis a 12 meses mediante unha modificación substancial de contrato ou “fórmula que as partes conveñan o tempo indefinido que se precise”.

Os seis meses actuais (dos cales 2 corresponden a tarefas de prevención e 4, a labores de extinción) están a ser, segundo este colectivo, “unha dilapidación dos sagrados recursos públicos da cidadanía ao non poder facer unha política preventiva efectiva”. “A seguridade non é un privilexio, é un dereito que teñen todas as galegas e galegos”, denuncian.

Finalmente, o colectivo demanda que “se tire das listas de 2019”, até completar as brigadas na súa totalidade. “Resulta inadmisíbel e resulta inoperativo [ter] as brigadas incompletas, en moitos casos, todo o verán”, afirman.

Novo plan da Xunta

Precisamente, a pasada quinta feira, o vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza, Francisco Conde, anunciaba o novo Plan de anti incendios do Executivo galego, unha estratexia segundo a cal as tarefas de prevención recaen nos Concellos. Serán as brigadas municipais as que teñan que vixiar a acumulación de maleza dos predios.

Así e todo, tal e como denuncia o colectivo de bombeiras e bombeiros do SPIF, no verán de 2022 foron varias as brigadas municipais que ficaron incompletas en plena temporada de alto risco de lumes, precisamente polos atrasos da Xunta á hora de enviar ao municipios os convenios correspondentes.