Os bombeiros comarcais denuncian "neglixencia" da Xunta polo feche de múltiples parques de todo o país este Nadal

Mobilización dos bombeiros en Compostela o pasado mes de novembro (Foto: Nós Diario).

O Comité de Folga dos Bombeiros Comarcais da Galiza denuncia que a cidadnía "está desprotexida".

O accidente acontecido esta terza feira en Melide, con dous vehículos implicados resultando un falecido e un ferido que precisou de tarefas de excarceración, “puxo en evidencia unha vez máis a actitude neglixente que está a ter a Xunta da Galiza ante a prestación dos Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento”, así describen a situación desde o Comité de Folga dos Bombeiros Comarcais da Galiza.

De acordo co Comité, “a falta de persoal nos parques de Bombeiros Comarcais, fixo que desde o Consorcio da Coruña se optara por fechar o Parque de Bombeiros de Arzúa, pero non como noutras ocasións, xa que cando isto acontecía, prestábase atención ás comarcas de Arzúa e Melide desde o Parque de Bombeiros de Ordes, instalacións que tamén estiveron sen servizo por falta de persoal”.

O accidente acontecido en Melide, de ter estado operativo o Parque de Bombeiros de Arzúa, “teríase atendido en 12 minutos”. Mais, de acordo cos profesionais, o feito de estar o seu parque de bombeiros fechado fixo que desde a Central de Atención Integral de Emerxencias 112 Galiza, mobilizaran aos profesionais do GES de Monterroso que, con unicamente dous efectivos, solicitaron o apoio dos GES de Curtis para completar unha dotación eficiente de traballo, demorando a prestación do servizo “29 minutos”. Mais esta atención, non sendo tardía, “foi 17 minutos maior que o que tería sido de estar aberto o parque arzuán”.

"Efectivos insuficientes"

“Se desde o colectivo de Bombeiros Comarcais insistimos en que 3 efectivos somos totalmente insuficientes, non podemos deixar de denunciar a gran carencia de persoal que hai nos GES, máis acentuada que nos nosos servizos, con moitas menos garantías para a seguridade dos efectivos que actúan nas emerxencias e para as propias vítimas ás que atenden”, aseveran desde o Comité de Folga.

Os bombeiros comarcais queren recordar á cidadanía que o feito de que se fechen os parques de referencia supón un agravio importante na prestación do servizo de extinción de incendios e salvamento, polo que sempre instan as vítimas a que “denuncien xudicialmente a demora da prestación do servizo, para que os responsábeis de non mantelo operativo como debera, deixen de actuar con total impunidade”.

“A situación de desprotección que vive a cidadanía, e que por suposto descoñece, acentuábase esta terza feira ao darse a casualidade de que o GES de Monterroso, estaba xa a ter un ámbito de actuación moito maior do habitual, xa que o Consorcio de Bombeiros de Lugo, determinara que por falta de bombeiros, onte se fechara o parque de Chantada, cargando o GES de Monterroso cunha responsabilidade impropia, feito que se ven repetindo nas últimas datas.

Por tanto, a excarceración en Melide, supuxo deixar “totalmente desprotexida” gran parte da poboación, segundo os bombeiros.