"Que un estudante reciba unha axuda non inflúe en nada", di o alcalde

Bolsas escolares de EDP en Laxe: Axudas ao ensino ou un caso de 'greenwashing'?

Aeroxerador da compañía enerxética lusa que prevé construír tres parques eólicos en Laxe (Foto: EDP Renováveis).
18 aeroxeradores ameazan a paisaxe protexida dos penedos de Pasarela e Traba, en Laxe, a través de tres parques eólicos promovidos por EDP. A compañía lusa oferta neste concello bolsas para estudantes, algo que o alcalde ve "normal" e que os colectivos ecoloxistas consideran un posíbel delito de corrupción.

A compañía enerxética portuguesa EDP Renováveis oferta desde 2010 as bolsas de estudo Green Education, destinadas a escolares ou estudantes universitarios con boas cualificacións académicas e con baixos recursos económicos naqueles concellos onde ten parques eólicos en funcionamento. Ou, como acontece en Laxe, cando estes proxectos aínda están en fase de tramitación.

Trátase dos proxectos Monte Chan —nove aeroxeradores e unha potencia instalada de 46,2 megawatts (MW)—, Pena dos Mouros —sete turbinas e 35 MW— e Soesto —dous muíños e 12 MW—. Malia tramitárense por separado —a través da Xunta da Galiza—, compartirían varios quilómetros do tendido eléctrico e parte das infraestruturas de evacuación, o que as entidades ecoloxistas denuncian como un posíbel caso de "fragmentación artificiosa" dun "macrocomplexo eólico na Costa da Morte", cunha vintena de parques en trámite a maiores cuxo impacto ambiental cumpriría "avaliar no seu conxunto".

O alcalde, a favor das bolsas e os parques eólicos

En declaracións a Nós Diario, o alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón (PP), nega que as bolsas escolares de EDP poidan influír no posicionamento do Goberno local a respecto dos parques: "Levan máis de dez anos dando estas bolsas noutros concellos, e o noso só é un máis. O Concello non intervén na concesión destas axudas, é unha iniciativa da empresa".

Aliás, engade: "Se unha empresa quere construír aquí un parque eólico, ten todo en regra e a Xunta o aproba, nós non podemos facer nada. Non penso que dar unha bolsa a un par de rapaces vaia influír nalgún modo no noso Goberno".

Pérez Añón tense posicionado nos últimos meses a favor dos proxectos de EDP no seu municipio. De feito, en marzo o seu grupo tombou unha moción do BNG —apoiada polo PSOE— que instaba a rexeitar calquera parque eólico que afectase os penedos de Pasarela e Traba. Dous meses máis tarde, o PP volveu votar en contra no Parlamento da Galiza.

Forte impacto paisaxístico

Os tres parques que promove EDP en Laxe causarían un "dano irreparábel" e unha "afección paisaxística severa" nas inmediacións da Zona de Especial Conservación (ZEC) e a Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) da Costa da Morte, así como na paisaxe protexida dos penedos de Pasarela e Traba, que forman parte da ruta pondaliana.

Dado que a lexislación galega non delimita o radio de influencia dunha paisaxe protexida, é posíbel instalar aeroxeradores nestes espazos. De feito, os penedos atópanse incluídos por completo na área de desenvolvemento eólico Pena Forcada, polo que é un dos emprazamentos dispostos no Plan sectorial eólico de 1997 para construír estas infraestruturas.

Malia todo, EDP anunciou en xullo que modificará o emprazamento de catro muíños que afectaban de forma máis crítica esta paisaxe protexida, mais aínda se descoñece o seu novo emprazamento.

A Fiscalía investiga se hai indicios de corrupción

As entidades ambientalistas Petón do Lobo, Cova Crea e O Ouriol do Anllóns veñen de presentar ante a Fiscalía Xeral do Estado unha solicitude de investigación sobre a posíbel comisión dos delitos de corrupción e tráfico de influencias no caso das bolsas escolares de Laxe, unha iniciativa "loábel en condicións normais", mais nas circunstancias actuais, aseguran, "provoca dúbidas razoábeis ante o feito de que o Concello de Laxe ten que informar en varios trámites administrativos" sobre os parques en cuestión.

"A incidencia [dos muíños] nas paisaxes e no turismo local é espectacular, polo que os informes favorábeis de Laxe facilitarían moito a tramitación", advirten.

Outros colectivos como a Rede Galega por un Rural Vivo ou a Asociación en Defensa da Costa da Morte (Adecom) cuestionan o "silencio" e a "actitude tibia cos eólicos" de Pérez Añón, na actualidade presidente tamén do Parque do Megalitismo da Costa da Morte, que se vería "gravemente afectado" polos parques eólicos.

"É moi curioso que o alcalde e presidente do parque estea sempre a favor dos parques, cando polo seu cargo debería defender os valores do espazo natural", apuntan a Nós Diario desde Adecom, que ve as bolsas escolares de EDP como "unha maneira de que a empresa quede ben en Laxe, teña máis facilidades e cale as voces contrarias".

A Eurocámara estuda posíbeis vulneracións da lei comunitaria no eólico das Salgueiras

Noutra orde, a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, celebrou nesta quinta feira que o Parlamento europeo deixe aberta a petición da formación frontista de rexeitar o parque eólico que a compañía Norvento está a tramitar no Monte das Salgueiras —Cabana de Bergantiños, Malpica e Ponteceso—.

Miranda apuntou que este proxecto "vulnera varias directivas comunitarias como a de Hábitats e a de Participación Pública", ao situarse nun espazo natural protexido —o esteiro do río Anllóns— moi próximo á Rede Natura 2000.

"Non pode ser que o desleixo do Goberno galego na ampliación da Rede Natura [pendente desde 2011] sirva de escusa para instalar parques eólicos sen control que non cumpren as directrices comunitarias", salientou a eurodeputada.