Boiro, Vigo, Frades, A Coruña ou Sarria: un mes despois do inicio do curso seguen as mobilizacións contra os recortes

Imaxe dunha das protestas en Pontecarreira

 CIG-Ensino chama aos concellos a apoiar as mobilizacións das comunidades escolares.

Un mes despois de que principiase o curso escolar 2021/22 as mobilizacións e protestas das comunidades educativas continúan en non poucos centros de ensino, tal e como a CIG lembra esta cuarta feira nun comunicado.

“Semanas despois de comezado o curso, a realidade dos recortes segue a ser unha realidade por moito que a Consellaría queira ocultalos”, indican desde a central nacionalista, a maioritaria no sistema de ensino público galego.

As protestas xiran en torno ao recorte e falta de medios e persoal nos centros de ensino: reclámase  poder dar ou recibir aulas con normalidade, “sen superar as ratios establecidas legalmente, co persoal necesario para a atención ás necesidades educativas ou incluso, nalgúns dos casos, contar con algo tan básico como o persoal necesario para poder impartir aulas”.

Reclámase  poder dar ou recibir aulas con normalidade, “sen superar as ratios establecidas legalmente, co persoal necesario para a atención ás necesidades educativas ou incluso, nalgúns dos casos, contar con algo tan básico como o persoal necesario para poder impartir aulas”

Así, enumera o sindicato, nestes últimos días participou e apoiou concentracións no CEIP Ramón de la Sagra (A Coruña), IES Rego da Trabe, (Culleredo), IES Miraflores (Oleiros), CPI de Miño (Miño), CEIP Sagrada familia Labaca (A Coruña), CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña), CEIP Sanjurjo de Carricarte (A Coruña), CEIP Vila de Rutis (Culleredo), CEIP Ría do Burgo (Culleredo), CEIP Valle Inclán (Oleiros), CEIP Pedro Barrié de la Maza (Sada), IES Concepción Arenal (Ferrol), CEIP San Xoán de Filgueira (Ferrol), CEIP Monte dos Postes (Compostela), CEIP As Fontiñas (Compostela), CPI Pontecarreira (Frades), IES Espiñeira (Boiro), IES da Pobra (A Pobra), IES Gregorio Fernandez (Sarria), IES Becerreá (Becerreá), IES Lucus Augusti (Lugo), IES de Poio (Poio), CEE Saladino Cortizo (Vigo)

Hai tamén outros centros nos que os recortes seguen a ser un problema, afirma a CIG, como IES de Beade, IES A Sangriña, IES de Chapela, CEIP Heroínas de Sálvora, CPI Fonte Díaz, IES Nº 1 de Ribeira, CPI Pecalama, IES Pontepedriña, CEIP de Artes, CEIP Felipe de Castro...

O sindicato sinala que trasladaron estas peticións e demandas á Administración galega, “xa sexan nas xefaturas territoriais ou na dirección xeral de centros e recursos humanos”.

O sindicato demanda tamén a implicación dos concellos afectados para que se poñan do lado da defensa dos centros educativos, que se convoquen os consellos escolares municipais e que se pronuncien sobre unha situación que hai que superar.