Boborás rexistra un terremoto de magnitude 2

O tremor produciuse pouco antes das 7.30 horas da mañá. O epicentro localizouse a uns 22 quilómetros de profundidade

A vila de Boborás, na comarca do Carballiño, rexistrou esta quinta feira un terremoto de magnitude 2 na escala de Richter, segundo información sísmica do Instituto Xeográfico Nacional.

En concreto, o tremor produciuse pouco antes das 7.30 horas da mañá. O epicentro localizouse a uns 22 quilómetros de profundidade, no concello de Boborás.

Os rexistros oficiais indican que hai só uns días, en 21 de decembro, esta mesma zona rexistrou outro movemento sísmico. Foi, concretamente, o veciño municipio de San Amaro, onde se produciu un terremoto de magnitude 3.1.

Ademais, hai apenas unha semana, 19 de decembro, outro tremor de magnitude 2.1 afectou o municipio pontevedrés de Vilaboa.