Tremores na Galiza: tres terremotos en tres concellos en menos de seis horas

Imaxe: Instituto Xeográfico Nacional

O máis importante, en Cartelle, tivo unha magnitude de 3,3 e fíxose sentir en municipios próximos. Os outros dous aconteceron en Triacastela e A Merca.

Están a ser meses axistados na Galiza, especialmente no sur. Esta madrugada volveu deixar varios sismos que non deixaron danos materiais se ben un deles, o de Cartelle, si que puido ser notado por persoas. Foron tres terremotos en tres concellos diferentes e nun prazo de menos de seis horas: entre as doce e media da noite e as seis da madrugada.

O máis importante destes terremotos tivo lugar en Cartelle, na comarca de Terra de Trives, e a 15 quilómetros de profundidade e a súa magnitude foi de 3,3. Fíxose notar en concellos veciños e mesmo en sitios da cidade de Ourense. Tivo lugar ás 00:30 horas. Veciñanza da zona chamou ao 112 para alertar de que notara o terremoto.

Pouco antes das catro da madrugada, e en Triacastela, na comarca de Sarria, a terra volveu moverse, se ben nunha magnitude menor (1,8) e case imperceptíbel. Este tremor foi a 3 quilómetros de profundidade. Xa ás 6:13 foi o sismo da Merca, tamén na comarca de Terra de Celanova, e de 2,5 de magnitude.

A inicios do pasado mes de agosto un terremoto de 3,4 tivo o seu epicentro en Celanova. Un sismo que fai parte dun  dun enxame sísmico no sur da provincia de Ourense. Como explicaban en GCCiencia naquela altura, chamamos enxame sísmico a sucesión de tremores que se producen nun área concreta durante un período determinado de tempo. Poden durar horas, días ou meses, e destácanse, tal e como sinalaba Emilio Carreño, do Instituto Xeográfico Nacional, nesa web, porque “non existe un sismo que poidamos chamar principal“. O fenómeno do enxame sísmico adoita producirse con certa periodicidade na Galiza, aínda que a súa intensidade non chega a ser percibida en moitos casos pola poboación.