"A boa medicina" fala galego

Imaxe da campaña (Foto: USC)
Unha iniciativa da USC que se estenderá até o mes de decembro defende, a través de frases ligadas coa estratexia de relacionar o respecto lingüístico e o coñecemento, o uso da lingua no exercicio da profesión médica.

‘A boa medicina’ é unha campaña de dinamización da Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC destinada a limar os prexuízos lingüísticos do alumnado, especialmente o de primeiro curso e o que chega desde fóra da Galiza.

O vestíbulo da Facultade acolleu na quinta feira a presentación da campaña a través dun acto no que tomou parte o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa, e que serviu para dar a coñecer as actividades que se levarán a cabo nos meses de outubro, novembro e decembro.

Alén do vicerreitor, interviñeron Isabel Vaquero, responsábel da Área de Dinamización do Servizo de Normalización Lingüística (SNL); o vicedecano José Martín Carreira Villamor; a secretaria da Facultade Mª Pilar Fernández Rodríguez; e o estudante e membro da CNL, Xurxo Gerpe Vilas.

Presenza anecdótica do galego 

Se xa a presenza do galego na docencia do Grao en Medicina é anecdótica -un 2,36% do total de horas de clase no curso 20-21-, entre o alumnado que —malia a presenza de alumnado de fóra— é maioritariamente galego “retráese por mor da converxencia lingüística típica galega”, advirten desde a CNL.

“O alumnado galego adoita carrexar os seus propios prexuízos lingüísticos, e o contacto con compañeiros e compañeiras de fóra de Galicia ás veces contribúe a consolidalos e aumentalos, e a que recorten o uso do galego”, explican desde a organización da campaña.

“Ademais, aquelas alumnas e alumnos que usan o galego con normalidade, na única facultade de medicina do mundo en que teñen dereito a usalo, vense ás veces en situacións incómodas”, engaden.

Para paliar esta situación, a campaña persegue contribuír a racionalizar os posíbeis prexuízos contra a lingua e a cultura galega; sensibilizar o alumnado en relación aos seus compañeiros e compañeiras galegofalantes; favorecer o mantemento lingüístico do alumnado galegofalante; promover o respecto lingüístico e dar a coñecer os dereitos lingüísticos na USC.

Información sobre os dereitos lingüísticos

‘A boa medicina’ conforma unha campaña propagandística de sensibilización. Consta de roll-ups, imaxes para as redes sociais, folleto de sensibilización e con información sobre os dereitos lingüísticos na USC, así como cunha actividade participativa con materiais de agasallo.

A campaña xira arredor de frases ligadas coa estratexia de relacionar o respecto lingüístico e o coñecemento e uso das linguas coa profesionalidade no exercicio da medicina.