"Bngallos dimisión". Investigan a aparición de pintadas contra o Goberno de Ponteareas

Pintada contra o Goberno de Ponteareas (Foto: Concello de Ponteareas).
Segundo indicou o Concello nun comunicado, todas as pintadas corresponden, aparentemente, á mesma autoría.

A Policía Local de Ponteareas investiga os danos causados en diferentes bens municipais a través dunhas pintadas en contra do Goberno local na que se pode ler: "bnegallos dimisión".

Estes actos vandálicos foron realizados no edificio do Concello, catalogado por Patrimonio, así como en xardineiras de granito situadas na Praza de Bugallal.

Segundo indicou o propio Concello nun comunicado, todas as pintadas corresponden, aparentemente, á mesma autoría.

Colaboración cidadá

O goberno municipal do BNG-PSdeG pediu colaboración cidadá para identificar a persoa ou persoas responsábeis dos danos e lembrou que "este tipo de accións supoñen, ademais dunha deterioración de bens públicos, un gasto para a súa limpeza que acaban pagando todos os veciños cos seus impostos".

Os responsábeis públicos indicaron que todas as críticas "son lexítimas", pero que a liberdade de expresión "non ampara actos de vandalismo nin danos nos bens públicos".