BNG reivindica “a nova Galiza” nun 25-X diferente

(Foto: Arxina)

Actos nas sete cidades nunha xornada marcada polos protocolos derivados da seguridade fronte á Covid-19 mais que mantivo o pulso reivindicativo e de compromiso.

 

“Nin unha pandemia fai que renunciemos ao Día da Patria”, manifestou o secretario nacional de Galiza Nova, Paulo Ríos ‘Kai’, na Quintana, perante un público con máscara e sentando en ringleiras. Mais foi un Día da patria diferente. As normas e obrigas de distancia de seguridade, máscara, redución de aforo... obrigou a reformular unha xornada que este 2020 fai 100 anos. “Cen anos de loita pola soberanía do pobo galego”, como lembrou Iria Carreira, tamén na Quintana, nova deputada nacionalista.

 

O BNG apostou por un 25-X “expansivo”, con actos nas sete cidades e que se conectaron a través de streaming para seguir o discurso da portavoz nacional, Ana Pontón. Centos de persoas tomaron parte nos diferentes actos, nos que estivo presente o ánimo inxectado polos bos resultados do 12-X para o nacionalismo. Mais, como apuntou Ana Pontón na intervención, “O 12-X non é un punto de chegada, é un punto de partida. Non nos conformamos, traballaremos para que por primeira vez na historia haxa un goberno do BNG”.

Un 25 de xullo en Compostela era tamén un punto de encontro para miles de nacionalistas e independentistas que, procedentes de toda Galiza, atopábanse nesa xornada na capital galega nun ambiente de reivindicación e festa. A manifestación, tomar os viños, o xantar no Campus Sur, o ambiente do Festigal...

Mais este ano de condicionantes derivados da pandemia iso non puido ser. O Día da Patria, iso si, mantivo o pulo reivindicativo da existencia da Galiza como nación, máis aínda nunha xornada tamén marcada pola presenza na capital de Felipe VI. “Galiza non ten rei” figuraba en cartaces, faixas e camisolas. ““Por moito incenso e botafumeiro que lle boten, non var dar tapado o cheiro a podremia da casa real”, sinalou Pontón.

A manifestación, saída da Alameda e chegada á Quintana, foi rápida, polo que este ano si que non se escoitou o tradicional “aínda están saíndo da Alameda” co que desde o palco se sinalaba aos manifestantes que enchían a praza que a mobilización era multitudinaria.

“A nova Galiza xa está en marcha”, principiou Ana Pontón a súa intervención, seguida desde as sete cidades galegas. Defendeu o naionalismo como “a defensa de vivir e traballar aquí”, unha idea “rebelde” que aposta polo propio país, polo “entusiasmo por Galiza”.

“Estou contenta pola capacidade do BNG para reaxir. Somos unha organización áxil, con capacidade de resposta, pero sen renunciar aos nosos principios. Estou orgullosa de ser unha militante máis desta gran organización”, manifestou.

Comprometeuse a “traballar duro” para que na Galiza haxa un Goberno nacionalista que sexa quen de defender os intereses do país no camiño dunha “Galiza próspera, con traballo, con igualdade”.

“Temos que conseguir pasar do conformismo á ilusión por unha Galiza mellor. Temos que sumar máis galegas e galegos. Dirixámonos con sorriso e man tendida a todas aquelas persoas que queren un futuro mellor para o noso país”, remarcou.

O Himno galego puxo o ramo ao acto nas sete cidades, así como os berros de “Galiza ceibe, poder popular”. Este ano a Covid-19 estragou toda a tradición labrada nestas décadas de convivencia pos manifestación. Mais non o sentido propio do Día da Patria Galega.