Social

"Nin unha pandemia fai que renunciemos ao Día da Patria"

Compostela
A manifestación convocada polo BNG arrinca en Compostela respectando as distancias de seguridade, máis percorrendo con entusiasmo as rúas ao berro de "Galiza ceive, poder popular".

Arrinca desde a Alameda compostelá, como cada ano, a manifestación convocada polo BNG con motivo do Día da Patria, marcada polas medidas de seguridade para previr o contaxio da Covid-19.

Máscaras e distanciamento son o síntoma máis visíbel, cun número máis reducido de asistentes. Porén, os berros de "Galiza ceive, poder popular" resoan nas rúas cunha forza semellante, acompañados pola música de gaitas e pandeiretas que saen tamén a reivindicar un dos expoñentes máis recoñecíbeis da cultura galega: o tradicional.

Os berros de "Galiza ceive, poder popular" resoan nas rúas cunha forza semellante, acompañados pola música de gaitas e pandeiretas

Isto acontece non só en Compostela, pois á mesma hora saían marchas nas sete cidades galegas, optando por esta alternativa dispersa nunha celebración "expansiva" en tempos de pandemia.

Ana Pontón, á cabeza do Bloque, destacou precisamente que son as condicións sanitarias actuais as que marcan este Día da Patria, facendo fincapé na "responsabilidade" da organización política que representa de cara a erixirse como alternativa ao Partido Popular e liderar o cambio en 2024, logo de se colocar nas eleccións do 12-X como segunda forza política, cuns resultados históricos.

"Galiza necesita políticas diferentes", afirmou con rotundidade Pontón, coa convicción de que "o noso país pode saír adiante"

Pontón agradeceu antes da saída da manifestación "con toda a humildade e con toda a ilusión o apoio nas urnas das galegas e os galegos" e sinalou o "gran reto" ante o que se encontra o BNG durante estes catro anos, para se transformar na opción maioritaria no país. "Galiza necesita políticas diferentes", afirmou con rotundidade, coa convicción de que "o noso país pode saír adiante".

Retransmitido por streaming

A manifestación percorre a capital galega trazando un itinerario algo máis curto do habitual, pero rematará, como vén sendo habitual, na praza da Quintana. O acto será retransmitido por streaming, xa que a capacidade do recinto respectando as medidas de seguridade (con cadeiras suficientemente separadas) deixaría moitas asistentes fóra.

"Nin unha pandemia fai que renunciemos ao Día da Patria", declarou ao comezo da súa intervención Paulo Ríos "Kai", Secretario Xeral de Galiza Nova.