BNG recorre perante a unidade de transparencia europea a negativa a facilitar o informe sobre o sinistro de Angrois

Concentración en demanda de xustiza para as vítimas do Alvia

Ana Miranda defende que a súa divulgación "ten un enorme interese público" para "aprender da traxedia" e evitar novos accidentes.

O BNG presentou un recurso perante a unidade de transparencia da Secretaría xeral da Comisión europea a respeito da decisión da Axencia ferroviaria europea de non trasladar o informe que fixo sobre o sinistro de Angrois ao colectivo de vítimas do accidente.

Ana Miranda, portavoz nacionalista en Bruxelas, defende que os argumentos para rexeitar a petición non son de recibo e reclama a publicación e divulgación do informe por ter “un enorme interese público”, como é “aprender da traxedia para evitar novos accidentes deste tipo”. Nesta liña, argumenta que “ningún interese” pode estar por riba de “salvagardar vidas”.

Para xustificar a súa negativa a difundir o informe, a Comisión Europea alega, precisamente, que ten aberto un procedimento de infracción comunitario contra o Estado español por considerar que este incorre en ilegalidade na trasposición da Directiva de Seguranza Ferroviaria de 2004. Unha directiva que establece a obrigatoria independencia das comisións que investigan accidentes ferroviarios, que cuestionan no caso da CIAF (Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios) ao estar integrada por responsábeis directos de Adif, Renfe e do Ministerio de Fomento, onde ten a súa sede.

O BNG organizou o pasado 17 de novembro unha visita a Bruxelas de representantes da Plataforma de vítimas do Alvia 04155, onde tiveron oportunidade de reunirse con responsábeis comunitarios en materia de seguridade ferroviaria, que se comprometeron a preparar un informe sobre a investigación do accidente