O BNG recolle sinaturas en Miño para pedir "un tren digno"

Recollida de sinaturas esta mañá en Miño (Foto: Nós Diario)
A campaña denomínase Queremos Tren e a recollida de sinaturas foi en Miño despois da supresión de frecuencias de tren e de autobús. "ficamos cun transporte público que non responde ás necesidades das nosas veciñas e veciños", demandan desde o BNG das Mariñas.

O BNG recolleu esta mañá sinaturas no feirón en Miño dentro da súa campaña “Queremos Tren”.

Desde o BNG exixen que se reverta o “proceso de desmantelamento da rede ferroviaria galega, que levou á supresión de servizos e á eliminación de estacións e apeadeiros e que se viu agravado como efecto da pandemia da Covid-19”, afirmaron os nacionalistas. 

"Desde o BNG defendemos unha mobilidade que responda ás necesidades da nosa veciñanza, que una Betanzos cos concellos das Mariñas e coas cidades da Coruña e Ferrol", aseveraron desde a organización nacionalista.

Electrificación das vías

“Pedimos que se execute a modernización do trazado ferroviario entre Ferrol e A Coruña, contemplando a electrificación e dupla vía e construción do bypass de Infesta para favorecer o emprego do ferrocarril en toda a zona urbana A Coruña-Ferrol, acurtando tempos de viaxe entre as dúas cidades e articulando a comunicación entre os diferentes concellos da nosa comarca” engadiron desde o BNG. 

“Trátase de obras demandadas durante décadas polo BNG e que seguen sen executarse”, criticaron.

"Reclamamos un tren digno"

“En Miño despois da supresión de frecuencias de tren e de autobús quedamos cun transporte público que non responde ás necesidades das nosas veciñas e veciños. Reclamamos un tren digno e de calidade e que se revisen as concesións de transporte para garantir as frecuencias necesarias”, concluíron.