Incendios forestais

O BNG propón recuperar zonas queimadas

Imaxe do efecto dun lume que quixo prender unha veciña de Vilar de Barrio. (Foto: Garda Civil / Europa Press)
A portavoz nacional do principal partido da oposición no país, Ana Pontón, visitou o concello de Vilar de Barrio (un dos máis afectados polos lumes) para analizar de preto a situación.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón desprazouse a Vilar de Barrio, un dos concellos máis afectados pola recente vaga de incendios, para analizar sobre o terreo a situación creada polos lumes.

 

Acompañada do rexedor nacionalista do municipio, Manuel Conde, e doutros responsábeis orgánicos da comarca, Pontón presentou diferentes alternativas, despois de que 11.000 hectáreas fosen pasto das lapas no Macizo Central e nun espazo natural emblemático como a Serra do Xurés.

 

A dirixente nacionalista urxiu medidas a curto e medio prazo. Así, entre as primeiras apelou a que as cinzas “non acaben nos ríos”, con augas que “consomen moitas persoas”, e alertou das posíbeis erosións no terreo.

 

Pediu “programas para investigar” e fortalecer, nos lugares altamente incendiarios, os que arden cada ano, as brigadas de investigación e de prevención para actuar no curto prazo.

 

Entre as segundas apostou por “un plan específico de prevención e de xestión para os lugares de alto valor ambiental do país” e “utilizar a figura do plan integrado para levar a cabo unha ordenación do monte, hoxe convertido nunha polvoreira, que é ao que conduce a política de abandono da Xunta”.

 

“Enviamos un SOS desde Vilar de Barrio para dicir que se Galiza arde é polo abandono do medio rural, pola falta de limpeza, ordenación e aproveitamento do monte”, proclamou Pontón, “e é responsabilidade da Xunta adoptar medidas que eviten que este sexa o peor problema ambiental do país”, destacou Pontón.

 

Tamén avogou por mudar a política forestal e por “pór en marcha unha política eficaz de coidado e preservación do monte e do seu aproveitamento integral porque, de manter a mesma política forestal fracasada, o problema vai seguir cun custo ambiental, económico e social moi grave”.