O BNG pide no Congreso que se investiguen todas as inmatriculacións da Igrexa, máis de 7.000 na Galiza

Entidades sociais e políticas exixen coñecer a listaxe de inmatriculacións (Imaxe: Europa Press)
Para a formación nacionalista o recoñecemento da Conferencia Episcopal de uns poucos bens bens inscritos irregularmente non pode supor a legalización dos restantes.

A Igrexa católica recoñeceu que apenas 0,1% dos bens que inmatriculou na Galiza, 9 de 7.000, non lle corresponden, polo que está disposta a devolvelos. Unha cifra "irrisoria", segundo os expertos consultados, que aseguran que nesa situación hai moitas propiedades máis ao longo do país.

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, anuncia novas iniciativas para que o Goberno do Estado investigue todos os bens inmatriculados pola Igrexa para detectar "todos os inscritos de forma irregular e propiciar que sexan devoltos aos verdadeiros titulares, en moitos casos a propia administración pública". 

Para a formación nacionalista o recoñecemento da Conferencia Episcopal de 1.000 bens inscritos irregularmente non pode supor a legalización dos 34.000 restantes, polo contrario, acredita, "alimenta a sospeita de que poden ser moitos máis". No caso da Galiza, lembra, son máis de 20% do total de inmatriculados no Estado, ao redor de 7.131.

"Entre 1998 e 2015 en que se suprime esa prerrogativa foron inscritos case 35.000 bens a nome da Igrexa católica, entre eles bens privados ou mesmo de administracións públicas ou que deberían considerarse de dominio público" explica Néstor Rego. 

O deputado nacionalista lembra que en 2017 foi aprobada unha iniciativa para que o executivo estatal elaborase un informe con todas as inmatriculacións realizadas. "Tras coñecer esa listaxe, que tardaron máis de dous anos en publicar, o BNG e distintas organizacións memorialistas destacaron a elevada porcentaxe de matriculacións levadas a cabo na Galiza" denuncia.

Así mesmo, o BNG rexistrou preguntas para a súa resposta escrita para coñecer se o Goberno do Estado realizará unha investigación de oficio o resto de inmatriculacións "feitas pola Igrexa desde 1946 para localizar todas aquelas que foron practicadas de maneira irregular e sen título". 

Feixoo, sobre os abusos

Sobre outra cuestión, mais tamén relativa á Igrexa, como é o a apertura dunha investigación sobre abusos sexuais no seo desta institución, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, defendeu: "Deberiamos incluír todas as institucións e non só a unha".