O BNG insta á Comisión Europea a analizar o trazado de ampliación da AG-59

Visita de Ana Miranda ao espazo ameazado, incluído na Rede Natura. (Foto: Nós Diario)
Ana Miranda visitou o lugar afectado pola ampliación da AG-59 ao seu paso entre os concellos da Estrada e Teo, que dana gravemente a Rede Natura.

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defende que os proxectos de infraestruturas e viarios respecten o medio ambiente e o patrimonio, xa que ao seu xuízo semella que nos proxectos da Xunta pesa máis “unha terríbel vocación destrutora en aras dun progreso mal entendido que o respecto polo país”, tal e como hoxe o puido comprobar na visita que realizou ao trazado de ampliación da AG-59 ao seu paso entre os concellos de A Estrada e Teo, que altera gravemente a Rede Natura 2000 desta zona.

“Semella que a Xunta pretende levar a cabo obras e proxectos sen respectar o país e arrasando proxectos financiados con fondos europeos”, denunciou Miranda tras o encontro que mantivo con diversos colectivos que se opoñen ao trazado de ampliación da AG-59 e representantes do BNG da Estrada, encabezados pola concelleira Susana Camba.

Neste senso, avanzou que trasladará á Comisión Europea unha pregunta sobre o proxecto de ampliación da AG-59 deseñado pola Xunta de Galiza e as súas consecuencias sobre a Rede Natura.

No concello da Estrada toda a ribeira do Ulla está inserida no sistema fluvial Ulla-Deza da Rede Natura 2000, e a maiores o río Vea, desde o lugar de Cardelle até a desembocadura no Ulla, así como río Liñares, desde Pina até o citado río.

Porén, a Consellaría de Infraestruturas elaborou o proxecto de ampliación da AG-59 desde a Ramallosa (Teo) até o Rollo (A Estrada), cunha autovía que atravesa o río Ulla cun viaduto de 40 metros e catro carrís, e o río Vea, con outro pequeno viaduto de menores dimensións, ambos incluídos na Rede Natura 2000.

Segundo explican os colectivos que se opoñen a este trazado, a ampliación da AG-59 discorre por un espazo no que se concentra vexetación autóctona como carballos, ameneiros e freixos, e tamén fauna como salmón, troita, lamprea, parrulos ou mexillón de río entre outras especies. 

Por outra parte, afecta gravemente a patrimonio etnográfico, como os Muíños do Vea e o castro de Vilacriste, así como a terreos agrarios, nunha das zonas do noso concello onde se concentran grandes explotacións agrogandeiras.

Alegacións ao proxecto

Desde o BNG da Estrada presentáronse diversas alegacións contra este proxecto. Segundo explicou a concelleira do BNG, Susana Camba, “en apenas tres quilómetros o trazado deseñado pola Consellaría de Infraestruturas atravesará un espazo protexido inserido na Rede Natura 2000, arrasará patrimonio cultural e etnográfico, así como terreos agrícolas nos que se localizan grandes explotacións agrogandeiras e dividirá en dous as parroquias de Cora e Santa Cristina, pasando moi preto das casas, especialmente no Rollo e na Cerqueira”.