INFRAESTRUTURAS

O BNG exixe á Xunta que rexeite ''de maneira enérxica'' a imposición de peaxes nas autovías galegas

A voceira de Infraestruturas, Carme da Silva, lembra o ''gravoso'' que sería para a cidadanía galega este novo imposto ''dadas as portaxes directas tan elevadas'' que se pagan na actualidade polo uso de autoestradas de competencia estatal. Desde o Goberno galego xustifican a taxa e din que ''en ningún caso'' será un re-pago da infraestrutura

A voceira de Infraestruturas do BNG, Carme da Silva, rexistrou varias iniciativas parlamentarias en que se preocupa pola intención do Goberno español de introducir un novo imposto á cidadanía galega a través do uso das autovías.

Aínda que a Xunta dixo que non tiña prevista a aplicación dunha peaxe nas vías da súa titularidade --ao ter de momento garantido o seu pagamento mediante o sistema de 'peaxe na sombra'--, Da Silva considerou que, aínda aplicando a taxa nas estradas xestionadas polo Goberno español "resultaría especialmente gravoso, dadas as portaxes directas tan elevadas que existen na actualidade polo uso de autoestradas de competencia estatal".

Perante esta situación, a nacionalista lembrou que o Parlamento galego ten adoptados "numerosos" acordos sobre a necesidade de rebaixar e suprimir as portaxes vixentes en Galiza, e considerou que Feijóo "está a renunciar ás súas funcións de presidente da Xunta por non defender os intereses económicos e sociais do pobo galego". E é que, polo momento, a Xunta só botou balóns fóra ao afirmar que non haberá peaxe nas autovías de titularidade autonómica, mais non rexeitou --e debe facelo de maneira "enérxica"-- a intención do Executivo español de impor novas taxas e portaxes en estradas da Galiza.

A Xunta xustifica as peaxes
De feito, o voceiro parlamentario do PP en Galiza, Pedro Puy, xustificou a idea de Mariano Rajoy de impor unha peaxe, ao sinalar que esta taxa "estaría vinculada" a asegurar o seu mantemento en condicións óptimas e que "en ningún caso" se trataría dunha tarifa con que re-pagar a infraestrutura. A Xunta ten de momento cuberto o pagamento destas estradas co modelo concesional ou de 'peaxe na sombra', que externaliza nas empresas adxudicatarias o custo derivado da construción e do mantemento, que despois a Administración sufraga a través dos seus orzamentos durante un periodo de tempo que vai dos 20 aos 25 anos.

A día de hoxe, a Xunta ten cinco autovías en servizo da súa titularidade --a AG-11 do Barbanza, a AG-41 do Salnés, a AG-59 entre Santiago e A Ramallosa, a AG-56 entre Santiago e Brión, e a AG-64 entre Ferrol e Vilalba--. Ademais das taxas sobre estas vías, a voceira do BNG, Carmen da Silva, defenderá tamén unha proposición non de lei instando ao Goberno galego a reducir as portaxes vixentes nas autoestradas galegas, e solicita do Executivo da Galiza que exixa en Madrid que non se apliquen taxas neste ámbito.

Máis Galiza tamén contra o re-pago
O anuncio do Goberno de Rajoy da implantación de peaxes nas autovías atopou tamén co rexeitamento de Máis Galiza. Desde a comarca de Vigo, o seu secretario Eudosio Álvarez lembra que "a imposición dun novo canon supón un re-pago, xa que xa foron finanzadas" cos recursos de todas e todos. Álvarez entende que a taxa "dificulta o tráfico comercial, empobrece a economía e agrede ás persoas con menos recursos".

 A formación galeguista chama á cidadanía a se rebelaren "contra esta nova agresión ao noso país", e ás organizacións empresariais --"que tanto protestaron pola imposición do pago en Portugal"-- para defenderen aquí as mesmas iniciativas.

Comentarios