O BNG exixe a transferencia dos centros oceanográficos a Galiza

O deputado Néstor Rego no Congreso. (Foto: R. Rubio / Pool / Europa Press)
Os grupos do PP, PSOE e Unidas Podemos rexeitan o traspaso de competencias destes organismos para a investigación malia que os seus representantes no país apoiaran que a iniciativa se presentase ao Goberno do Estado español.

O representante do BNG no Congreso, o deputado Néstor Rego, reclamou esta terza feira que os centros do Instituto Oceanográfico (IEO) da Coruña e Vigo -integrados no CSIC- sexan transferidos ao Goberno galego para que asuma a súa xestión.

O nacionalista opina que controlar estes espazos desde a Galiza permitiría darlles un pulo e “vincular máis a actividade científica e investigadora ao sector pesqueiro e marisqueiro”, co que xa veñen colaborando desde hai anos.

Rego recalcou na Cámara Baixa que os centros deben estar “ao servizo do desenvolvemento social e económico” e do benestar da cidadanía, se ven a súa proposición non de lei bateu coa oposición do Partido Popular, Vox e Ciudadanos.

Ademais, o PSOE e Unidas Podemos (que gobernan en coalición no Estado español) abstivéronse á hora de votar, polo que a iniciativa non saíu adiante.

O Bloque considera ilóxica a postura porque tanto o PP como o PSOE e Unidas Podemos (o que no Parlamento era En Marea) apoiaron a necesidade de traspasar as competencias das dúas infraestruturas xa en 2018.

Ao entender de Rego, o feito de que o poder estea en Madrid impide que se chegue a certos obxectivos sobre as liñas de investigación. Están “condicionadas e se relega esa faceta de relación coa actividade investigadora á actividade produtiva pesqueira e marisqueira”.

Respecto da incorporación do IEO ao CSIC, na práctica unha absorción, o nacionalista lembrou que “foi unha decisión unilateral na que non se contou coa opinión dos traballadores e traballadoras; nin sequera se falou coa dirección dos centros para consultar previamente o seu parecer”. Desta cuestión xa se facía eco hai meses Nós Diario.