O BNG denuncia o desinterese do Goberno español para mellorar os servizos ferroviarios galegos

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualificou de "insuficientes" as medidas do Goberno español.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciou o desinterese do Goberno español e a falta de solucións ás iniciativas presentadas pola formación política para instar a Administración estatal a "realizar  modificacións dos horarios e servizos que conectan as distintas cidades e poboacións galegas, que se viron afectados polas reducións de servizos aplicadas durante a pandemia da Covid-19 e de novo pola chegada do AVE Ourense-Madrid".

Rego lamentou que á única resposta da Administración estatal sexa a xustificación dos prezos, os horarios e as frecuencias "inadecuadas", e que non exista unha vontade "explícita" de atender as demandas das persoas usuarias afectadas.

O deputado nacionalista considera "inaceptábel" que o Ministerio de Transportes "non demostre interese en mellorar servizos ferroviarios, as frecuencias e as tarifas na Galiza, para atender mellor a demanda existente e mesmo incrementala cunha oferta atraente e competitiva”.

Acusa o Estado español de proseguir co desmantelamento ferroviario no noso país, "dificultando e mesmo eliminando" as conexións entre as principais poboacións a través do tren, “un transporte que debería ser fomentado e promocionado como transporte colectivo, público eficiente e sustentábel”.

Medidas positivas pero "insuficientes

Rego cualificou de positiva a medida de incrementar os servizos entre Compostela e Vigo “con dous novos trens (un por sentido) de segunda  a sexta feira”, mais defendeu que é "claramente insuficiente".

O deputado nacionalista galego explicou que desde a redución dos servizos ferroviarios no ano 2020 pola pandemia, as liñas ferroviarias que transcorren pola Galiza non pararon de sufrir mudanzas negativas para facilitar o uso do ferrocarril e para atender as necesidades dos usuarios.

Como exemplo do desinterese, Néstor Rego criticou o Ministerio entende que existen conexións adecuadas entre A Coruña ou Vigo e San Clodio-Quiroga, a pesar de que os seus propios escritos reflicten que a duración deses traxectos son de 4 horas desde A Coruña e 3 horas e medias desde Vigo, o que afecta especialmente a estudantes universitarios e traballadores.

 “É imprescindíbel acometer a modernización e mellora da rede e dos servizos ferroviarios, como instrumento fundamental de vertebración territorial, cohesión social, desenvolvemento sustentable e conciliación entre a vida laboral e familiar” concluíu.