O BNG denuncia na CE o incumprimento da normativa que protexe a costa da contaminación de Ence

Ana Miranda durante unha intervención no Parlamento Europeo. (Foto: Nós Diario)

Ana Miranda preguntou polo procedemento de infracción que afecta á ampliación da concesión á pasteira.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, remitiu unha pregunta á Comisión Europea (CE) para coñecer o estado do procedemento de infracción contra o Estado español por incumprimento da Directiva de servizos nas concesións costeiras e para saber que medidas tomou o Estado membro para corrixir as causas.

"É totalmente inaceptábel que os sucesivos Gobernos estatais incumpran a normativa europea que precisamente serve para protexer a nosa costa da contaminación e do espolio de empresas como Ence", manifestou Ana Miranda.

Así mesmo, segundo informou o BNG nun comunicado, a eurodeputada nacionalista destaca que a Lei de Costas sustentou a prórroga da concesión á empresa papeleira Ence até 2073, concedida polo Goberno de Raxoi en 2016 sen un proceso aberto de selección e infrinxindo a Directiva de servizos.

Neste sentido, lembra que nunha sentenza do 20 de abril de 2023, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (UE) declara que a Directiva de servizos impón a obrigación de que estas concesións sexan adxudicadas con selección imparcial e transparente. "Por se fose pouco, o propio TXUE deixa sen efecto as normas estatais que dispoñan o contrario", destaca.

Incumprimento do Dereito da Unión

A eurodeputada nacionalista asegura que, segundo o Dereito da Unión, para outorgar concesións de ocupación do dominio público marítimo, os Estados membros deben aplicar un procedemento de selección entre os candidatos potenciais cando o número de autorizacións dispoñibles para unha determinada actividade estea limitado debido á escaseza dos recursos naturais. "No caso da prórroga de Ence, atopámonos por tanto nunha clara vulneración do dereito comunitario", sinalou Ana Miranda.

Ademais, a eurodeputada do BNG lembra que o 15 de febreiro de 2023 a Comisión abriu un procedemento de infracción contra o Estado español por incumprir a Directiva de servizos e non garantir un procedemento de selección transparente e imparcial para a adxudicación de concesións relativas ás zonas costeiras.

"Xa pasaron os dous meses que ten de prazo o Estado español para responder o requirimento, polo que queremos saber se desde o Goberno estatal se tomou algunha medida respecto diso", manifesta Ana Miranda, que critica non ter acceso ao expediente correspondente.