O BNG denuncia atrasos "inxustificados" en Traumatoloxía Pediátrica en Ourense

Unha das últimas protestas polos problemas nos servizos foi no Hospital de Verín. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

 

O grupo parlamentario do Bloque rexistrou varias iniciativas para obter unha explicación sobre este adiamento con “graves consecuencias para as e os pacientes”.

O BNG denunciou hoxe a situación que están a padecer algunhas e algúns pacientes da Unidade de Traumatoloxía Pedriátrica de Ourense, que ven como decorre o “aprazamento sen causa xustificada” das revisións que tiñan previstas nestas últimas semanas.

A formación nacionalista denuncia que mentres as e os doentes teñen “graves consecuencias” por este atraso nas súas citas cos especialistas, ao Sergas “non lle consta” que haxa problemas no servizo.

Por este motivo, o grupo parlamentario presentou na Cámara galega diversas iniciativas nas que pide coñecer que está a suceder na área de traumatoloxía da sanidade ourensá.

En concreto, preguntan polos motivos polos que a unidade “está a aprazar sen explicación da causa que o puidese xustificar, a cita para comprobar a evolución do estado da columna vertebral”.

Por exemplo, mentres non se resolva a situación están afectados “adolescentes con escolioses significativas e ás que se lles prescribiu o uso do corpiño ortopédico”.

Ante a posíbel resposta vinculada á Covid-19 e ás súas repercusións na carga de traballo do persoal, non lle vale a explicación porque, di, “estas demoras producíanse con anterioridade á pandemia”.

Esta é outra das loitas sanitarias no distrito ourensá pois hai nada tamén houbo protestas pola intención da Xunta e do Sergas de expedientar ao xefe do Xinecoloxía do Hospital de Verín, Javier Castrillo, que foi defendido por toda a veciñanza malia que sen éxito.