O BNG critica a eliminación da atención presencial no IGVS para tramitar o depósito das fianzas de aluguer

A deputada do BNG, Alexandra Fernández (Foto: Nós Diario).
Alexandra Fernández solicitou ao Goberno da Galiza que manteña o servizo presencial, que en 2022 tivo 35.000 solicitudes tramitadas.

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Alexandra Fernández, criticou esta sexta feira a eliminación da atención presencial no Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para tramitar o depósito das fianzas de aluguer.

Fernández solicitou ao Goberno da Galiza que manteña o servizo presencial, que durante o ano 2022 tivo 35.000 solicitudes tramitadas, e advertiu que a súa supresión profunda aínda máis a fenda dixital.

"Moitos dos arrendatarios son persoas maiores que teñen dificultades para realizar os trámites de forma telemática", subliñou a parlamentaria nacionalista. Até o de agora, os arrendatarios que estaban obrigados a facer o depósito da fianza ante o IGVS tiñan a posibilidade de acudir a unha das oficinas que o Instituto ten nas sete cidades galegas, onde se lles brindaba asesoramento e axuda para a tramitación presencial do depósito.

Sen asesoramento

Coa eliminación deste servizo, este trámite só se poderá facer de maneira telemática ou no Rexistro Administrativo, coa presentación da solicitude completa xunto con toda a documentación requirida, mais sen a opción de recibir asesoramento.

Segundo Fernández, a eliminación deste servizo resultará en custos para algunhas persoas. "Moitos veranse practicamente obrigados a acudir a asesorías e xestorías privadas debido ás dificultades para completar o trámite", subliñou a deputada do BNG.

"Antes, calquera arrendatario podía acudir ao IGVS para depositar a fianza e saír co trámite feito. Mais, agora, apenas reciben un formulario complexo que eles mesmos deben completar e rexistrar", criticou Fernandéz.

A deputada do BNG considerou "incomprensíbel" que sexa o propio IGVS "quen dificulte o cumprimento" da normativa por parte dos arrendatarios, quen está obrigados a realizar o depósito das garantías polo aluguer dos seus inmóbeis, xa que estas fianzas representan unha fonte de financiamento para o propio Instituto. "Isto só se entende pola nula vontade da Xunta da Galiza de promover vivenda pública e prestar un bo servizo na Administración", manifestou Rodríguez.