O BNG afea ao alcalde de Vigo os seus "disparates contra a Fiscalía" en relación ao recurso sobre o ruído do Nadal

O centro de Vigo, colapsado pola afluencia de visitantes durante o último Nadal. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)

A oposición esixe a Caballero que dialogue coa veciñanza e unha “mellor planificación” das festas

O BNG de Vigo acusou esta quinta feira, 31 de agosto, ao alcalde da cidade, Abel Caballero, de "manipular" arredor da sentenza sobre os ruídos causados polas actividades e atraccións do Nadal, "dando a entender que é firme" cando foi recorrida tanto pola demandante e como pola Fiscalía, e afeou ao rexedor os seus "disparates" contra o Ministerio Público.

A través dun comunicado remitido aos medios, o portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, censurou que o alcalde cuestione a imparcialidade do Fiscal neste asunto, despois de que adherira ao recurso da veciñanza e compartira as súas alegacións.

"É un disparate inaceptábel e un insulto á intelixencia das viguesas e vigueses escoitar dun ex ministro do Goberno español que a Fiscalía non é un organismo independente porque lle dá a razón á veciñanza do centro e non ao Goberno municipal", sinalou o concelleiro do BNG.

Igrexas lembrou que as funcións da Fiscalía veñen recollidas na Constitución, e instou ao alcalde a "escoitar e dialogar de verdade" coa veciñanza afectada para adoptar as medidas necesarias para que o Nadal "non se volva a converter nun caos insoportábel e perigoso".

Ademais, advertiu de que o comité de Nadal creado polo Goberno local "será unha bufonada inútil se non se conta coa participación da veciñanza, de comerciantes de toda a cidade e de técnicos das áreas de Mobilidade e Seguridade".

"Todo na súa xusta medida"

Pola súa banda, o PP tamén reclamou ao Goberno que faga todo o posíbel para evitar a "incomodidade da veciñanza afectada polos atascos ou a contaminación luminosa e acústica durante a programación do Nadal".

A portavoz municipal, Marta Fernández-Tapias apuntou que a da Fiscalía "é unha voz máis que se suma á petición de medidas correctoras como as que leva reclamando o PP desde hai anos", e sinalou que a programación do Nadal non debe ser incompatíbel co dereito ao descanso da veciñanza

"Ninguén cuestiona o éxito das luces, pero todo na súa xusta medida", afirmou Tapias, e reclamou "unha boa planificación" dos eventos para axudar a unha "convivencia máis harmónica durante os case 3 meses que duran as festas" na cidade olívica.

Así, emprazou o comité especial de Nadal a que tome medidas para minorar os problemas acústicos pero, ademais, que "planifique ben os cortes de tráfico, os cambios de dirección e tome medidas para evitar os atascos de máis dunha hora que se chegaron a rexistrar o ano pasado".