O 'Blue Star', en mans da empresa que xestionou o fracasado rescate o Prestige

(Iago Varela)

O Blue Star continuará sine die na Ría de Ares-Betanzos. A falta de medios e a incapacidade do goberno do Estado para facer fronte á situación, levou a navieira propietaria do buque a poñer en mans da empresa que remolcou o Prestige, o rescate da embarcación, que garda nas súas adegas máis de cen toneladas de combustíbel. Mentres tanto, aumenta a preocupación entre a veciñanza.

A cuarta tentativa de rescate tamén rematou en fracaso. A intención de retirar a embarcación na xornada do domingo resultou falida ao rachar os cabos con que os remolcadores enviados polo goberno do Estado, pretendían devolver o  Blue Star ao mar. Pola súa banda, as condición da preamar non axudou o dispositivo, significándose, ao tempo, o estado das hélices de popa, que segundo varias fontes atópanse inmobilizadas nas rochas.

A armadora do Blue Star, diante desta situación, acordou encomendar o rescate da embarcación a SMIT Salvage, empresa holandesa dedicada a este tipo de labores e encargada do operativo do Prestige, nas últimas horas antes do afundimento. Así, as cousas, no mediodía de onte, o delegado do goberno español na Galiza, Javier Losada anunciou o novo plan da empresa e a súa obrigación de presentar nun prazo de 24 horas a alternativa para o buque.

O goberno negase a colocar as barreiras anticontaminación gardadas nunha nave industrial a cinco quilómetros de onde se atopa o barco

100 toneladas de combustíbel no interior do Blue Star

A retirada das máis de cen mil toneladas de combustíbel, que garda no seu interior o Blue Star, resulta neste momento o traballo máis urxente. Se ben nun primeiro momento as autoridades responsábeis, neste caso o goberno do Estado, titular das competencias en materia da salvamento marítimo na Galiza, malia a demanda da súa transferencia, negaron a posibilidade dalgún risco ao respecto, nas ultimas horas, esta cuestión pasou a situarse como prioridade.

As veciñanza da Ría de Ares observa con preocupación a ausencia de medidas preventivas contra a contaminación. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, desprazado ao lugar do sinistro nas primeiras horas, solicitou “a colocación das barreiras anticontaminación que teñen nunha nave no polígono de Vilar do Colo a só cinco quilometres de onde se atopa do arco”, denunciando o risco que representan as máis de  cen toneladas de combustíbel presentes nos tanques do Blue Star.

Galiza carece de medios para rescatar o Blue Star

Os traballos de rescate do Blue Star están evidenciando, ao tempo, a falla de medios existentes na Galiza para facer fronte a un accidente marítimo. Malia o alcance do tráfico de mercadorías fronte ás costas galegas, cuxo volume aumentou de xeito considerábel nos últimos anos, e o elevado número de sinistros rexistrados, algúns deles, como o caso do Prestige, convertidos en catástrofe pola xestión das autoridades, semella que pouco se ten mellorado nos últimos anos nesta materia.

A este respecto, Néstor Rego, tras anunciar a presentación de varias iniciativas sobre o tema no Congreso dos Deputados, sinalou “que a armadora do Blue Star renuncia a continuar tentando sacar o barco cos medios que hai porque non son os adecuados e por medo ao posíbel deterioramento. Queren contratar unha empresa especializada. En que lugar deixa iso os medios de salvamento e rescate que dependen do Estado? Pois, claramente, evidencia que continuamos indefensos”.

A tripulación permanece no interior do barco sinistrado

As dúbidas e preguntas amoréanse a falla de que SMIT Salvage presente o seu plan de rescate do Blue Star. Se sorprende a negativa do Goberno español a colocar as barreiras anticontaminación, gardadas nunha nave industrial a só cinco quilómetros de onde se atopa fondeada a embarcación, tamén resulta estraño que a totalidade da tripulación permaneza no interior da embarcación accidentada, malia non ser obrigatoria a súa presenza.

A falla de transparencia dos responsábeis gobernamentais tamén é motivo de preocupación. A día de hoxe, Javier Losada, a máxima autoridade do Estado na Galiza, aínda non visitou a zona do sinistro, limitándose, ás máis das veces, nas comparecencias públicas a repetir a versión da navieira. Nun sentido semellante, a Xunta da Galiza, administración sen competencias en materia de seguridade marítima, mantén un perfil baixo.