A conselleira de Medio Ambiente confía en que “non haxa contaminación” no desvaramento do ‘Blue Star’

O quimiqueiro segue embarrancado (Iago Varela)

Ángeles Vázquez confía en que o barco sexa desembarrancado “o antes posíbel”.

 

A Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, confía en que o ‘Blue Star’, varado desde a pasada sexta feira na Ría de Ares-Betanzos, poida ser desembarrancado "o máis pronto posíbel” e que “non haxa contaminación”.

Ao falar cos medios de comunicación durante unha visita á cidade de Lugo, Vázquez dixo que durante toda a fin de semana "estívose traballando". Así, asegurou que a Xunta, a través da consellería do Mar e da Consellería de Medio Ambiente, "púxose a disposición do Ministerio de Fomento", que dirixe as tarefas de reflote.

"O persoal de Medio Ambiente está na ría de Ares e esperamos que ao final non se produza ningún incidente, e as toneladas de combustible que ten o buque para o mantemento se faga da mellor forma para que non acaben no mar e non haxa contaminación ", desexou.

En canto ao combustíbel que leva o barco, constatou que é "un bo número de toneladas", o que, no caso de que as obras non dean froitos, "non é un bo presaxio" . Non obstante, reafirmou que "se está a traballar a man a man”.

Despois de que o armador do buque contratase á empresa Smit Salvage para tratar de reflotar o quimiqueiro, a "prioridade" do Goberno español é baleirar este combustíbel. A conselleira confirmou que aínda non se produciu ningún derrame e expresou que o seu departamento está "á espera" dun encontro con Fomento "para unha mellor coordinación".