Blas García, alcalde de Ames: "O noso plan busca salvar do lume os núcleos habitados"

Blas García, alcalde de Ames. (Foto: Nós Diario).
Após os graves incendios sufridos nos primeiros anos do 2000 o concello de Ames identificou as zonas de máis alto risco e aprobou por unanimidade un plan de prevención e defensa contra 0s fogos forestais que combina a protección da contorna contra as lapas cunha maior seguridade dos núcleos de poboación.

—Cal é a orixe do plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Ames que o Concello defende para outros municipios da Galiza?
Este plan, aprobado en 2017, nace do traballo previo do persoal técnico de desenvolvemento, medio ambiente e transición ecolóxica. Ames era un concello que habitualmente tiña bastantes incendios. En 2006, como outros moitos, viuse moi afectado. Entón fíxose un estudo para ver cales eran os núcleos máis críticos e con maior risco de sufrir un incendio. Con esa información e a partir da normativa existente procedeuse a identificar as faixas secundarias de xestión de biomasa e a falar cos seus propietarios para explicarlles en que consiste o plan de medidas preventivas polo que aposta o Concello.

—Este modelo busca dotar de  maior seguridade a contorna natural mediante a plantación de frondosas caducifolias.
O Concello financia 80% da plantación que se realiza en cada parroquia, ademais de facilitar as árbores a cada persoa propietaria que se comprometa durante catro anos a facer a limpeza e o mantemento das súas parcelas. 

Se optamos pola repoboación destas faixas secundarias próximas aos núcleos habitados con árbores frondosas caducifolias foi por dúas razóns. A primeira, porque son árbores 'bombeiras', capaces de frear o lume, dalgunha maneira. Onde crecen, a temperatura é máis baixa, entre dous e catro graos, e o combustíbel que xeran non é tan alto como o que producen o eucalipto ou o piñeiro. E a segunda, porque se busca plantar un tipo de árbore que a medio prazo ofreza un beneficio á veciñanza, froiteiras, como a noceira, a cerdeira ou a abeleira; e outras cun valor importante pola súa madeira, como o carballo ou o castiñeiro.
 
—Que traballo se levou a cabo nos primeiros cinco anos de desenvolvemento do plan?
Desde que se puxo en funcionamento actuouse en cinco parroquias do concello. Plantáronse máis de 5.100 árbores en 20 hectáreas de monte. Empezouse pola parroquia de Piñeiro, que é a que se atopa máis ao norte, cunha zona arborada e forestal importante. De aí foise baixando cara a Ameixenda, Covas, Ortoño e Tapia, onde se actuou perto dunha urbanización que este ano, na Semana Santa, se viu ameazada por un incendio que, en condicións normais, sen esta faixa de frondosas, obrigaría a evacuar as vivendas, mais con eses 50 metros de plantación, atacouse o lume con moita máis tranquilidade. O plan funciona.

—A veciñanza é receptiva á proposta do Concello?
90% das propietarias e propietarios participan deste modelo de prevención. Outros non o fan porque é difícil localizalos ou porque non comparten o seu funcionamento, pero son poucos. Estamos moi satisfeitos cos resultados. A veciñanza gañou en calidade. Máis nun momento en que o monte sofre un problema serio de abandono. Hai donos que non saben nin onde teñen as terras, que nin se traballan nin se limpan. Até as empresas privadas teñen dificultades para atender toda a demanda que hai previa á temporada de incendios.

—Agora buscan o apoio doutras Administracións, que convidan  a tirar proveito da súa práctica.
Hai poucas semanas tiven ocasión de falar co conselleiro de Medio Rural a raíz dun incendio en Ames e Brión. El defende as aldeas modelo como  sistema de prevención e parécenos ben, pero non é incompatíbel co plan que temos en Ames. Por iso lle trasladamos a nosa experiencia e resultados, á Xunta e ao Ministerio de Transición Ecolóxica. O noso plan ao que vai é a protexer os núcleos habitados, as vivendas, que este tanto se viron afectados na Galiza.

Ameneiros, carballos e freixos contra o fogo

Ames traballa desde hai cinco anos para protexer do lume os seus 120 núcleos de poboación ademais da contorna natural. Faino cun plan progresivo de repoboación das faixas de monte secundarias próximas ás casas. A maioría destas terras están a eucalipto e piñeiro, con moito toxo e fento alto, "combustíbel que supón un perigo alto para a veciñanza", afirma Blas García.

Ames gasta entre 80 e 100 mil euros ao ano nun plan que financia "en exclusiva". "Contratamos tres persoas que se encargan de localizar os propietarios, explicarlles as condicións e supervisar os traballos de campo: corta, limpeza, plantación e mantemento". O obxectivo, asegura o rexedor, pasa por aumentar a partida orzamentaria para un mellor aproveitamento do monte en áreas xa identificadas, "e lograr que outras Administracións coñezan o noso plan para que poidan aplicalo en zonas cun elevado risco de incendio".