A bipolaridade, unha realidade pouco coñecida que afecta o 3% das galegas

Entre dúas e tres persoas de cada cen padecen o trastorno bipolar na Galiza. Os síntomas varían en función da doente, mais xeralmente defínese por alternar episodios de euforia con outros depresivos. Combinar o tratamento farmacolóxico coa atención psicoeducativa é esencial para abordar esta enfermidade.

As enfermidades mentais son, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), a principal causa de discapacidade entre as persoas novas. Unha das máis agudas é o Trastorno Afectivo Bipolar (TAB), que afecta directamente os mecanismos reguladores do estado de ánimo e pode provocar bruscos cambios emocionais en pouco tempo. Nesta terza feira conmemórase a nivel internacional esta doenza, que Nós Diario debulla da man de persoas expertas.

Malia ter un compoñente xenético, xa que é habitual que haxa varios casos de trastorno bipolar nunha mesma familia, a súa primeira manifestación pode desencadearse dunha situación de estrés agudo ou mesmo polo consumo de drogas.

Na Galiza estímase que entre 2 e 3% da poboación padece o trastorno bipolar. Porén, a cifra real sería maior, posto que non todas as e os doentes chegan a recibir esta diagnose. "Moitas veces confúndese con outras enfermidades mentais como a depresión, porque non é doado detectar a bipolaridade a través dun episodio illado", explica a psicóloga María Pouso, que conta cunha ampla experiencia no tratamento de persoas con este trastorno.

Nos casos en que si se detecta correctamente, a diagnose acostuma darse "entre os 17 e os 18 anos", mais para chegar ao veredicto hai que percorrer un longo camiño. "Ás veces poden pasar sete anos até que se confirma que non se trata dunha depresión. Ás e os profesionais médicos cústalles detectalo, mais as e os pacientes tamén tardan en pedir axuda, basicamente porque non son conscientes de que están a padecer o trastorno bipolar", coincide Rubén Fernández, vicepresidente da Asociación Bipolar da Galiza (Asbiga) e doente.

Síntomas máis comúns

A sintomatoloxía varía en función da persoa, mais as expertas estabelecen unha clasificación en función do grao de afección da bipolaridade. O trastorno de tipo I é o que desenvolve síntomas máis agudos, e caracterízase por episodios maníacos que duran a meirande parte do día ou requiren atención hospitalaria pola súa gravidade (no peor dos casos pode derivar nunha "desconexión da realidade", isto é, un trastorno psicótico). Estes síntomas de manía son acompañados por episodios depresivos alternos.

O tipo II, pola contra, defínese por un patrón de episodios depresivos e hipomaníacos (menos graves e problemáticos que os maníacos). "As persoas bipolares poden ter episodios de euforia (hipomanía), e como consecuencia algunhas desenvolven comportamentos non axeitados na esfera social, malinterpretan as palabras e os feitos, falan moito con descoñecidos, aumentan de forma descontrolada o seu apetito sexual ou teñen menos necesidade de durmir", salienta Pouso, e engade que, nos casos máis agudos, a hipomanía pode desembocar en "gastos excesivos" e investimentos "de risco": "Pode chegar unha persoa e, de súpeto, dicir que vende a súa casa por 3.000 euros", di.

Con todo, os episodios hipomaníacos teñen o seu aspecto positivo: "Tamén pode beneficiarse da alta autoestima e a gana de esforzarse e, por exemplo, aprobar un exame de oposicións en quince días", afirma a psicóloga.

Como contrapartida, a ledicia do momento vese substituída por etapas de abatemento nas que o estado de ánimo baixa de forma radical. "Experiméntanse fortes cambios nun mesmo día, pasando da euforia á depresión", incide Fernández. Nestes episodios, o cadro sintomático é oposto: redución da actividade, perda de autoestima, necesidade de máis horas de sono e pensamentos cada vez máis negativos.

Estigmas sociais e falta de visibilización

Tanto Pouso coma Fernández concordan en que o trastorno bipolar segue a día de hoxe condicionado polos estigmas sociais e o descoñecemento da súa sintomatoloxía e afección sobre as e os doentes. "Téndese a ocultar a enfermidade porque semella que non está ben vista. É un problema con moito fondo que cómpre abordar polo miúdo, porque afecta dun modo distinto a cada persoa", sostén Rubén Fernández, quen bota en falta unha maior visibilidade nos medios para contribuír a sensibilizar a poboación no que concirne á doenza.

Neste senso, María Pouso destaca que, malia a incidencia da enfermidade na Galiza, na Asbiga "non hai moitos socios". "Hai milleiros de persoas afectadas, mais a asociación é relativamente pequena. Tamén inflúe que unha persoa que atravesa un longo período de estabilidade emocional pensa que non precisa axuda", explica.

Os fármacos e os Grupos de Axuda Mutua

Para abordar correctamente esta enfermidade é preciso tanto o tratamento psiquiátrico (a través de fármacos) como a psicoeducación: "A parte psicolóxica axuda a comprender a importancia dos medicamentos, porque algunhas persoas deixan de consumilos cando se atopan mellor e iso é perigoso, porque é unha doenza crónica", salienta María Pouso, que ao longo do pasado ano participou como moderadora nos Grupos de Axuda Mutua que organiza Asbiga para as persoas con trastorno bipolar.

Por mor da pandemia, as reunións decorren pola vía telemática, a través do What'sapp. "É esencial que participen as familias, que son quen mellor coñecen as e os doentes e os seus síntomas. A rede de apoio é o noso termómetro do estado de ánimo, sempre dicimos que o óptimo é estar entre 4 e 6 nunha escala do 1 ao 10", explica.