Máis de 36 días para unha cita psiquiátrica

A Xunta apunta á redución das listas de espera, de 8.000 persoas a 5.000, e tamén dos tempos, que hai un ano superaban os 41 días.
EuropaPress_3484174_fotos_xunta_sanidade_asistencia_comision. o director  xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal
photo_camera O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal. (Foto: Xunta da Galiza)

Unhas 5.000 persoas están na lista de espera de psiquiatría, segundo informou hoxe o director  xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, durante a súa comparecencia en comisión parlamentar, na que presentou  o Plan de Saúde mental da Xunta.

A exposición xerou un debate tenso, con reproches da oposición pola "enésima" presentación dun plan que, segundo o BNG e o PSdeG, chega "con atraso" e "sen fondos" , e polas referencias ás denuncias por vulneración de dereitos humanos no hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela, que están a ser investigadas no Parlamento Europeo, e das que Aboal salientou a "colaboración" do Goberno galego co Defensor do Pobo e o arquivo, o pasado 10 de outubro,  das dilixencias que foran abertas pola Fiscalía.

A deputada do BNG Montse Prado afeou aos populares que "en 11 anos de Goberno", o único que fixeron é "meter nun caixón o que había" –en referencia ao plan de saúde mental do bipartito– e "desmantelar os escasos dispositivos existentes".

Tamén  acusou a Xunta de "opacidade cos datos" e demandou un estudo a nivel galego para coñecer "a realidade". Segundo os datos da Consellaría de Sanidade, as listas de espera reducíronse, desde hai un ano, cando chegaba a 8.000 pacientes e unha espera media de 41 días, que se reduciu a 36,4.

Pola súa banda, o socialista Julio Torrado salientou algunhas das problemáticas desta área sanitaria que se viron agravadas polta pandemia coa "agudización de trastornos xa existentes", a "soidade non desexada", as "dificultades para acceder ao sistema sanitario" ou o empeoramento dos síntomas de ansiedade.

"Este plan non afronta realmente estas cuestións", lamentou o deputado do PSdeG, que asegurou que Galiza ten "o peor cociente de profesionais por habitante" neste ámbito e, "en termos económicos", nos orzamentos da Xunta para o próximo ano "non hai diñeiro para todo isto que din que van facer".

Socialistas como nacionalistas concordan que a saúde mental será "a cuarta onda da Covid" e reclamaron á Xunta máis medios humanos para atención. "Galiza lidera o consumo de psicofármacos. Se non hai profesionais para atender esa poboación, o que queda é receitar psicofármacos", criticou Prado.

Comentarios