A biotecnolóxica galega Lincbiotech lidera un proxecto europeo para desenvolver moléculas que freen enfermidades graves

O proxecto estudará a eficacia destas novas moléculas para combater o pé diabético, que afecta 25% dos pacientes que sofren diabetes. (Foto: Nós Diario)
O estudo centrarase nas doenzas derivadas da diabetes.

A compañía biotecnolóxica galega Lincbiotech liderará un proxecto financiado polo prestixioso European Innovation Council (EIC) para o desenvolvemento dunhas moléculas que aproveitan o mecanismo interno das células para eliminar proteínas que, cando son secretadas en exceso, dan lugar a enfermidades graves.

Segundo vén de trasladar Bioga Clúster Tecnolóxico nun comunicado, este proxecto estudará a eficacia destas novas moléculas para combater o pé diabético, que afecta 25% dos pacientes que sofren diabetes e que nunha elevada porcentaxe deriva en hospitalización e amputación de extremidades inferiores.

Aproximadamente 5% das e dos pacientes que padecen pé diabético falece un ano despois dos primeiros síntomas da enfermidade e esta porcentaxe sobe até 42% aos cinco anos do inicio dos síntomas.

Desta forma, cos degradadores de proteínas que propón Lincbiotech búscase axudar a controlar o exceso de inflamación que se produce nestes pacientes, para favorecer a correcta cicatrización e feche de feridas.

Financiamento europeo

Este proxecto desenvolverase a través da convocatoria Pathfinder Open 2022, que financia proxectos que propoñen a aplicación de tecnoloxía de última xeración para o desenvolvemento de solucións innovadoras.

Nas dúas últimas convocatorias EIC Pathfinder Open presentáronse unhas 1.700 solicitudes e só tres compañías de todo o Estado español foron elixidas para obter financiamento. Aliás, é a primeira vez que esta axuda recae nunha biotecnolóxica con sede na Galiza.