A biodiversidade, vulnerábel ante os eólicos

Parque eólico de Paxareiras, no concello de Muros (Foto: Arxina).
Nova xornada do ciclo organizado por Adega.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) organizou na tarde desta cuarta feira unha nova xornada do seu ciclo de conferencias Proxectos eólicos e os seus impactos na Galiza, desta volta centrada nas afeccións destes proxectos sobre a biodiversidade.

O encontro decorreu da man da enxeñeira ambiental de Adega Lucía Álvarez Anido, que exerceu de moderadora nunha mesa na que interviñeron Ernesto Díaz, da Plataforma en Defensa da Cordilleira Cantábrica; Óscar Chao, do Proxecto Rebinxe; Roberto Hermida, de Morcegos da Galiza, e Óscar Rivas, da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO).

"A implantación eólica no país, tal e como se está a desenvolver, ten efectos moi negativos para a biodiversidade galega", sinala Rivas a Nós Diario, e salienta que as grandes dimensións das poligonais dos parques eólicos "están a destruír áreas de repouso" das especies autóctonas.

Neste senso, o presidente da SGO fai fincapé na "exigua" Rede Natura 2000 da Galiza, que só inclúe 12% do territorio galego, menos da metade da media estatal. "Desde os inicios elixiron para os eólicos enclaves pouco axeitados como a serra do Xistral, onde prosperaron diferentes proxectos porque daquela aínda non estaba desenvolvido o Plan Director da Rede Natura, e esta tendencia continuou malia a entrada en vigor do mesmo", censura.

Aliás, apunta que "moitos espazos cun alto valor ambiental fican fóra da Rede", e lamenta que algúns dos novos parques que se atopan en fase de tramitación estean proxectados en zonas limítrofes a estes espazos protexidos.

"Entendemos que non se deberían permitir estas instalacións en lugares como as montañas orientais ou zonas emblemáticas da costa atlántica coma Os Penedos de Traba e Pasarela (Laxe e Vimianzo), polo seu alto valor ambiental e os ecosistemas peculiares que os conforman", explica.

Rivas sostén que o impacto dos parques eólicos sobre a biodiversidade do país é "moi amplo" e pode supor "un alto risco" para a fauna e a flora autóctonas. "No Xistral tense visto como influíron no sistema hídrico e as turbeiras, que son o seu hábitat principal", afirma. Os animais, engade, tamén padecen as consecuencias dunha exposición "cíclica e constante" á contaminación acústica proveniente dos aeroxeradores.