martes 02.06.2020
A oposición ve Feixoo entregado ás grandes corporacións

Unha nova Lei do Patrimonio Natural votada exclusivamente polo PP

O PP foi incapaz de conseguir apoios nas bancadas da oposición á hora de dar luz verde á nova Lei de Patrimonio Natural. O Hórreo aprobou esta cuarta feira un texto que vén dar o relevo a outra norma tamén aprobada hai 18 anos só cos votos do PP.  A oposición ve na lei unha nova proba de que o PP está entregado ás grandes corporacións dos sectores forestal, eléctrico e mineiro.
Parlamento de Galiza
Parlamento de Galiza

Dous mundos antagónicos no Pazo do Hórreo. Na narrativa do PP, por fin Galiza ten unha lei de patrimonio natural adaptada aos tempos e feita a partir do diálogo coa sociedade civil. No relato da oposición, o texto é unha "farsa absoluta", segundo a expresión de Patricia Vilán (PSdeG), como non podía ser menos tendo en conta que en materia ambiental o PP é "Atila na Galiza", tal e como afirmou na Cámara p deputado do BNG Luís Bará, ou a propia conselleira no canto de o ser de Medio Ambiente seríao de "Ence, Naturgy e Atalaya Mind", na caracterización feita por Antón Sánchez (En Marea). "É pouca ambiciosa [a lei] e non aborda a situación de extrema gravidade do noso medio natural", recapitulaba pola súa parte Davide Rodríguez (a En Marea villarista)

Quen abriu lume no debate foi o grupo que daba soporte á iniciativa, un PP que, en boca do seu portavoz de Medio Ambiente Gonzalo Trenor, afirmou que a nova lei viña para consolidar a "prevalencia da protección medio-ambiental" sobre a ordenación territorial e urbanística, visando tamén garantir a "conservación", o "uso sostíbel" e a "mellora e restauración do patrimonio natural".

Trenor víalle máis virtudes á proposta: aos seus ollos, o novo texto lexislativo fomenta a "información pública" e "os mecanismos de colaboración, cooperación e participación da sociedade no deseño e execución das políticas nesta área".

A oposición, en troca, afeou ao Goberno Feixoo falta de diálogo durante a elaboración do texto, crítica que foi despachada por Trenor co seguinte recado ás bancadas da esquerda e o nacionalismo: "A protección do noso patrimonio natural non pode depender da axenda partidista da oposición”.

En realidade, PSdeG, En Marea, BNG e villaristas ven na norma un dispositivo legal feito para favorecer as grandes corporacións que teñen interese na explotación da base material do país. "É a lei das portas xiratorias e das empresas do IBEX35", afirmou ao respeito Luís Bará, en tanto que Antón Sánchez acusaba a Xunta de ser "cúmplice da perda da biodiversidade galega". Por súa parte, Patricia Vilán criticaba que desde a súa chegada ao goberno Feixoo reducira en 30% as partidas orzamentarias destinadas á protección do patrimonio natural, ao tempo que Davide Rodríguez puña en destaque que"na lei non queda claro que o aumento imparábel do eucalipto estea relacionado co abandono agrario e co declive do medio rural galego".

comentarios