Bicomún: o noso patrimonio valorámolo nós

Colexio no barrio mariñeiro de Castro, en Vilagarcía (1); conserveira Cerdeimar en Camariñas (2); palilleiras e encaixe de Camariñas (3); secadoiro do congro en Muxía (4); coral de Ruada, Medalla Castelao 2013, en Ourense (5); millo corvo no lug

O primeiro foi en Bueu e o último na Gudiña. A 'categoría mancomunada de protección patrimonial' espállase dun recuncho ao outro do País co obxectivo de difundir os bens de noso. Mais non só. Procúrase tamén que sexamos quen de tomar decisións conxuntas a respeito do que merece ser conservado. Coñeces esta iniciativa? 


Unha imaxe do estaleiro de Purro acompañada dunha pregunta: "como é que o conservamos?" Así foi deseñado o cartaz da primeira experiencia Bicomún, partillada pola veciñanza de Bueu.
Desde aquela pasou case un ano e o proxecto espallouse até chegar á Gudiña pasando por Ourense, Muxía e Camariñas e con dúas paradas máis: unha internacional, en Madrid; e a outra no (ciber)espazo, a plataforma de pensamento en rede ThinkCommons. Nesta última as propostas de patrimonio a conservar realizáronse a nível internacional e moitas delas están na Galiza, coma o Parque do Pasatempo de Betanzos, a arte das redeiras ou a compañía de títeres Barriga Verde.

Mais... que é iso de Bicomún? 

"Unha categoría mancomunada de protección do patrimonio" que liberaron na rede @s activistas que, coma María Masaguer, fan parte de Niquelarte. No proxecto Bicomún xúntanse os conceptos BIC --a categoría oficial de máxima protección para un ben de interese cultural-- e Procomún --os bens comunais, herdados, que se transmiten de xeración en xeración--. Xurdiu "coma unha sensación" de tres amig@s que procuraban unha maneira social de difundir o patrimonio de noso, explica Masaguer. 

O primeiro Bicomún organizouse en Bueu coa colaboración das entidades locais Motivos D'Aldea e SOS Estaleiro. Foi precisamente o valo do estaleiro de Purro, onde aínda (sobre)vive a carpintaría de ribeira, o espazo que servíu de tabloeiro para a exposición das dez propostas que a organización achegou e que a veciñanza valorou. "O patrimonio arqueolóxico é o que mellor se identifica porque é o que comunmente se non ensina como patrimonio", conta Masaguer.

Con todo, o obxectivo deste proxecto é identificar calquera ben común que mereza protección. Así, en Bueu propúxose tamén o millo do corvo, en Vilagarcía a fonte da Coca, en Ourense a toponimia tradicional, en Camariñas o encaixe ou a historia de Man de Camelle e en Muxía o secadeiro do cóngreo. Nesta curiosa argallada non hai candidatas e gañadora. Gañan todas.

Que metodoloxía se emprega?

"Contactamos cunha organización local ou eles contactan connosco e escollemos dez bens" que as xentes do lugar se encargarán de valorar coa axuda duns autocolantes de cores: verde se entenden que está ben conservado; vermello se entenden que está en mal estado; amarelo se consideran que debe ser recuperado; e azul se non o coñecen. A maiores, entrégaselles un cartón en branco e unha caneta para que escriban o que desexen, comentarios, etiquetas (tags) emocionais. 

Os autocolantes péganse nos respectivos cartaces de cada ben seleccionado. Para alén dunha imaxe, colócase un pequeno texto que explica a historia dese bocadiño de patrimonio que se propón para 'catalogar'. De aí xorden entre @s participantes intercambios de anécdotas, de tradicións, de lendas e até de cancións vinculadas ao lugar. A tradición oral. Máis unha marabilla a recuperar e conservar. 

Cal é o obxectivo? 

Crear unha sementeira de ideas que se espallan, que se copian, que anegan todos os recunchos onde aínda resista patrimonio galego que mereza ser recuperado. "Conservar todo é imposíbel", sostén María Masaguer, polo que "buscamos, ademais da divulgación, que sexamos quen de tomar unha decisión en conxunto sobre o que máis valor ten para nós". E non fala de valor económico, claro.

"Queremos reivindicar o espazo público como lugar onde avaliar o que temos, 'hackear' o proceso de declaración BIC porque non emprega dinámicas participativas, botar embaixo a xestión xerárquica do patrimonio", acrecenta. Licenciada en Historia e con estudos en Conservación e Restauración, María Masaguer fai do Bicomún "activismo profesional". Defende que esta profesión se comprometa co territorio en que traballa e que faga á poboación partícipe das súas achegas. 

Quen pode organizar un?

Calquera que sinta que o patrimonio da súa contorna se está a tornar faragullas e que cómpre facermos algo por o conservar. "Hai que expandilo, metelo na nosa vida cotiá e falar del e do seu uso e importancia de cara ao futuro", di Masaguer. Só hai un requisito: filmar e fotografar o proceso para o partillar na páxina do proxecto. 

O último Bicomún --o oitavo-- organizouse na Casa da Viúva da Gudiña. Non foi ningunha asociación quen o puxo en marcha senón que xurdiu da vontade individual de dúas mulleres, Cristina Fernández e Olalla Manzano. Foron moit@s @s gudiñes@s que se achegaron até o lugar para exerceren de 'asesor@s de patrimonio' partillando a diagnose que fixeron dos bens que @s rodean e do estado en que se atopan. Foi o último mais non o derradeiro. Haberá máis. Sementar a riqueza de noso hoxe para que mañá (re)naza.