O BIC da Torre de Teodomiro, ameazado pola construción dun parque eólico no Monte do Gato

Protesta veciñal contra o parque eólico no Monte do Gato (Foto: Aire limpo nas Mariñas-Mandeo)
Máis de 200 persoas fixeron unha andaina de protesta polo Monte do Gato para defender o patrimonio natural e histórico desta paraxe

O arqueólogo Antón Malde certifica que a Torre de Teodomiro, unha fortificación da Alta Idade Media de gran transcendencia histórica, está situada no Monte do Gato, paraxe natural en que varias compañías pretenden levantar parques eólicos con muíños de 200 metros.

O reputado arqueólogo, que prepara o informe para llo remitir á Consellaría de Cultura, denuncia deficiencias nos informes sobre patrimonio presentados polas compañías enerxéticas e sinala as Administracións como responsábeis do mantemento deste Ben de Interese Cultural, que ademais inclúe unha rede de antigas vías de comunicación, entre as cales están un camiño real, outros ligados aos túmulos existentes no Monte e trazados do Camiño de Santiago que comunicaban a zona de Monfero, Irixoa, Aranga, Curtis.... con Santiago de Compostela.

Estes vestixios históricos son de suma importancia na historia da Galiza, xa que ademais de ser unha fortificación estratexicamente situada no curso do río Mendo, o rei suevo Teodomiro revolucionou a organización administrativa da época, ao substituír a romana por un sistema máis moderno.

Veciñanza da parroquia de Fervenzas (Aranga) contrataron Antón Malde para buscar os restos dos que había referencias documentais. Ante as evidencias atopadas, este BIC estaría ao igual que o entorno natural  baixo o xugo dos parques eólicos que varias compañías pretenden construír na zona.

Organizados xa na Plataforma cidadá Aire limpo nas Mariñas-Mandeo exixen ao alcalde de Aranga, Alberto Platas (PP), que “deixe de esquivar o asunto por cuestións partidistas e lles conceda axudas para loitar contra o levantamento dos muíños”. Confían que ante o grande achado o Goberno local mude a súa postura e contribúa á protección dun ben que contribuiría a dinamizar cultural e economicamente a zona.

Até entón, a Plataforma cidadá buscará fondos para continuar os traballos de recuperación dos restos arqueolóxicos.

Tras varias protestas ante o Concello, onte, sábado 4 de xullo, máis de 200 veciñas e veciños fixeron unha andaina de protesta polo Monte do Gato na que participou o propio Antón Malde, Mónica Fernández-Aceytuna, bióloga de recoñecido prestixio e Fernando Bandín, naturista con gran coñecemento da zona. Estes últimos reivindicaron a conservación e rehabilitación desta zona como Parque Natural, o que protexería o enclave de ameazas industriais e devolvería actividade á zona.