Entrevista

Bianka Rodríguez, activista trans e lgbti no Salvador: "A esperanza de vida no Salvador dunha muller trans é de 33 anos"

Bianka Rodriguez preside a ONG Comcavis Trans. (Foto: Arxina)
Bianka Rodríguez (San Salvador, O Salvador, 1993) é unha activista transfeminista defensora dos Dereitos Humanos e a primeira muller trans designada como colaboradora do Alto Comisionado das Nacións Unidas para as persoas refuxiadas. Esta semana visita a Galiza convidada pola  ONG Asemblea de Cooperación pola Paz.

—Está na Galiza para compartir con institucións públicas e centros de ensino a súa loita como activista no Salvador. Faino como presidenta da asociación Comcavis Trans, mais tamén como muller trans que coñece a realidade que atravesa este colectivo no país.
Cando entrei como voluntaria en Comcavis, en 2014, empecei a coñecer a realidade que enfrontan as persoas trans no Salvador e a observar como a miña historia coincidía coa doutras moitas mulleres que chegaban á asociación. Aí comeza para min un proceso de empoderamento que me levará ao liderado de Comcavis Trans en 2017, tras a fuxida en busca de asilo da fundadora Karla Avelar, por múltiples persecucións e violencia tras ser candidata a un premio de dereitos humanos.

Nese momento asumín o reto de levar a organización a un punto máis amplo de fortalecemento e empoderamento das mulleres trans, para a defensa dos seus dereitos desde os territorios en todas as esferas do ámbito social. É así como en 2019 Acnur me concede o premio Nansen, que recoñece a loita que veño facendo en prol da visibilización das persoas desprazadas e refuxiadas en América Latina e o Caribe, sobre todo nos contextos hostís aos que se enfrontan as persoas Lgbti no norte de Centroamérica, onde predominan os países expulsores e altamente violentos para as persoas trans. É o caso do Salvador, que ten unha expectativa de vida para unha muller trans de 33 anos.

—Como se explica unha esperanza de vida tan baixa?
A maioría das leis no Salvador son discriminatorias para o colectivo Lgbti e non garanten o acceso a dereitos fundamentais, como a saúde. De feito, moitas non foron atendidas durante a pandemia. É de aí de onde emerxe a ideoloxía das institucións públicas, que en ningún caso aseguran os servizos esenciais a estas persoas cando, por exemplo, se achegan a pór unha denuncia por discriminación, por un feito delitivo, por ameaza de 'pandillas' ou por violencia sexual. En moitas ocasións son os propios policías quen sinalan as mulleres trans e xustifican a violencia sexual acusándoas de ser iso o que lles gusta. 

—Está a describir un colectivo estigmatizado, invisibilizado e  negado polo propio Estado, non só pola sociedade.
A violencia cara ás persoas Lgbti está moi naturalizada no Salvador, por parte de actores sociais pero tamén estatais que teñen a obriga de garantir a nosa protección. 2015 e 2016 foron anos moi violentos para as persoas Lgbti, con 70 asasinatos anuais.

Malia estar aprobada xa unha reforma do Código Penal, as institucións persisten en non garantir o acceso á xustiza, á debida investigación e reparación das vítimas dos crimes por odio. En 2020 unha muller trans que fuxiu do país e buscou protección internacional nos EUA foi asasinada por elementos de seguridade pública, da policía nacional civil. Quedou documentado nunha sentenza que foi asasinada por razón da súa identidade e expresión de xénero, mais o xuíz non aplicou a pena prevista. 

—Que outras formas de violencia soporta o colectivo Lgtbi? 
A violencia adoita ser física, sexual, psicolóxica... As persoas Lgbti vense sometidas a torturas, violacións, ameazas, extorsións.  Até 2021, no Salvador, o poder das 'pandillas' en todo o territorio estaba moi articulado. Hoxe é menor debido ao réxime de excepción que aplicou o presidente Nayib Bukele, un instrumento que minguou o peso das estruturas de delincuencia, si, pero tamén supón unha clara violación dos dereitos humanos.

Mais non podemos desprezar que as persoas Lgbti seguen saíndo do país, perseguidas, e continúan os desprazamentos internos, 134 só o ano pasado. As condicións de vida non mellorarán até que existan leis que recoñezan e garantan o acceso aos dereitos fundamentais.

Unha vida de violencia e loita

Bianka Rodríguez ten 29 anos. A súa historia transcorre apegada ao recoñecemento das múltiples violencias e violacións de dereitos humanos ás que se enfrontou por mor da súa identidade e expresión de xénero nun país, O Salvador, onde non se garanten os dereitos das persoas Lgtbi e trans. Con 15 anos saíu da casa familiar para escapar dunha situación de violencia por parte de súa nai e de seu irmán.

"Como adolescente saín a unha sociedade que descoñece as persoas trans e sen ningún apoio institucional". Foi o inicio dun historial de exclusión, discriminación no ámbito educativo e explotación laboral que culminou co seu ingreso nos movementos de loita e defensa dos dereitos Lgbti e trans en 2014. Malia a súa transición, non foi até entón cando comezou a recoñecerse como persoa trans "e o que iso implica nunha sociedade altamente violenta e misóxina".