Podería chamarte o Estado español a tomar as armas?

Desfile militar do pasado 12 de outubro en Madrid (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
O colectivo Berro Seco presenta a campaña 'Insumbisión á guerra', que acompaña cun "Manual de obxección de conciencia" para informar das últimas mudanzas lexislativas que, afirman, poderían derivar en que as persoas que non se declaren obxectoras de conciencia sexan chamadas ás armas nun momento de "emerxencia nacional".

O colectivo Berro Seco presentou esta cuarta feira unha campaña de insubmisión á guerra e pola obxección de conciencia, a raíz, explican, das "últimas modificacións lexislativas" que "recortan dereitos" no que atinxe ao servizo militar.

Presentaron a campaña en rolda de prensa dous dos impulsores de Berro Seco, a ex eurodeputada Lidia Senra e o presidente da Rede para o Decrecemento, Miguel Anxo Abraira, quen pasou polo cárcere tras oporse a prestar o servizo militar obrigatorio, xa que a el non lle afectaba a amnistía aos obxectores de conciencia decretada para as persoas nacidas en 1968 ou antes.

Unha década despois, en concreto o 1 de xaneiro de 2002, entrou en vigor o decreto estatal que suspendía o servizo militar obrigatorio, como resultado da forte presión social do movemento dos insubmisos, que tivo unha gran forza na Galiza desde a década de 1990.

Porén, o citado texto, asinado polo daquela ministro de Defensa, Federico Trillo, deixou, a ollos de Berro Seco, unha "porta aberta" á súa futura restauración no artigo 2º, que sinala: "Os españois que nesa data [1 de xaneiro de 2002] estean prestando o servizo militar ou o teñan pendente e estean clasificados como aptos, con aprazamento de incorporación ou pendentes de clasificación, pasarán á reserva do servizo militar".

"Presentamos esta campaña a raíz das últimas modificacións lexislativas en Europa e o Estado español, que recortaban dereitos", apuntou Abraira. Neste senso, puxo o foco no Real Decreto 383/2011, polo que se aproba o Regulamento de Reservistas das Forzas Armadas, que no segundo artigo expón que os reservistas "obrigatorios" serán "os españois, cunha idade comprendida entre os 19 e os 25 anos, que sexan declarados como tales polo Goberno de acordo coa lei".

"Isto significa que todas as persoas maiores de idade e que teñan menos de 25 anos, que non tiveran feito trámite ningún para se declarar como obxectoras de conciencia, están na condición de reservistas obrigatorios do exército español", advirte Berro Seco no seu manifesto a prol da insubmisión.

Reservistas, en xeral, son segundo o mesmo decreto "os españois que, en aplicación do dereito e deber constitucionais de defender a España, poden ser chamados a incorporarse ás Forzas Armadas para participar nas misións definidas na Lei Orgánica 5/2005, do 17 de novembro, da Defensa Nacional".

Mais, xa na actualidade, o Congreso está a tramitar nestes momentos a Lei de Seguridade Nacional, cuxo anteproxecto xa foi presentado e recolle, no artigo 28, como se regulará a "participación do sector privado na contribución de recursos á Seguridade Nacional". Así, sinala que toda persoa maior de idade estará obrigada a realizar "as prestacións persoas que exixan as autoridades competentes, seguindo as directrices do Consello de Seguridade Nacional ou da autoridade funcional, de acordo co estabelecido no artigo 30.4 da Constitución [que di que "mediante lei poderán regularse os deberes dos cidadáns nos casos de grave risco, catástrofe ou calamidade pública"] e nos termos desta lei".

"A citada lei non contempla prazo ningún para que as cidadás poidan manifestar a súa obxección de conciencia ás obrigas militares activas e pasivas que decida impoñer o Consello de Seguridade Nacional ou a Autoridade Funcional", lamentan desde o colectivo. Na práctica, engaden, "isto vai significar que todas as persoas do Estado español estarán obrigadas a facer o que o Goberno ditamine unha vez que se teña declarada a emerxencia nacional, sen excluír a incorporación e ou colaboración co Exército español mesmo en situacións de guerra".

Esta campaña, apuntou Lidia Senra, "comeza agora pero perdurará no tempo". Algúns acontecementos actuais como a crise en Marrocos, dixo, "podería mudar a opinión do Goberno estatal [no que atinxe á chamada aos reservistas]".

Cómpre salientar, como lembraron desde Berro Seco, que o presidente da Xunta e candidato a liderar o PP, Alberto Núñez Feixoo, rexeitou presentar unha emenda á totalidade contra a Lei de seguridade nacional como anunciara inicialmente o PP e ofreceu, pola contra, un pacto de Estado ao Goberno de Pedro Sánchez.