Misa e romaría en Monfero contra o "pecado ecolóxico" do actual plan eólico

Intre da misa no mosteiro de Santa María de Monfero. (Foto: Plataforma Monfero Di Non)
O delegado do Goberno do Estado na Galiza reúnese con plataformas veciñais en contra da instalación de macroproxectos eólicos nas súas vilas, mentres o cura de Xestoso (Monfero) encabeza unha misa para pedir a San Lourenzo o final do "pecado ecolóxico".

“Os pecados ecolóxicos danan o fogar da humanidade, poden incluír alteracións irresponsábeis do medio ambiente, contaminación excesiva, e aí entra o outro, avaricia, materialismo por diñeiro”, espetou esta terza feira Luís Rodríguez Patiño, crego da parroquia de Xestoso, durante a misa para “invocar a axuda de San Lourenzo contra os eólicos” no mosteiro de Santa María de Monfero, previa á romaría e o roteiro onde un centenar de persoas pediron rematar coa vaga de proxectos eólicos.

A instalación de 4.000 novos aeroxeradores nos montes galegos, criticada por plataformas veciñais, entidades ecoloxistas, sindicatos e concellos por todo o país, recibe agora o rexeite do cura de Xestoso, que advertiu, non é extensíbel aos prelados católicos, “eu non quero insultar a ninguén, mais uns cantos cardeais din que a política ambiental non ten nada que ver coa fe e a moral”, explicou.

Ao consultar estas cuestións coa curia, Rodríguez Patiño narrou como repiten que “os bispos non son científicos, expertos no medio ambiente nin políticos. Antes de aconsellar aos cregos que se centren na fe. Típico, a min dixéronmo corenta veces”, incidiu, ao tempo que reiteraba que o plan eólico é “unha ofensa contra os demais, cando danamos a nosa paisaxe, afectamos negativamente as vidas dos nosos irmáns, tanto se viven no mesmo lugar como noutro lado do mundo”.

Xuntanza co delegado

Ademais da vertente reivindicativa, a plataforma Monfero Di Non (Monfero e Paderne), xunto a asociacións de Oza-Cesures, Cabanas, Aranga, Coirós e Mesía, reuníronse onte con José Miñones, delegado do Goberno do Estado na Galiza.

Na xuntanza, Miñones informou do estado da tramitación e comprometeuse a manter aberta a vía de comunicación coa veciñanza, apuntando que o Executivo estatal colabora coa Xunta da Galiza para unha xestión “coordinada e con todas as garantías”. Amais, indicou que os intereses da poboación local teñen que ser respectados no camiño á transición enerxética cara fontes limpas.

"Vemos un raio de esperanza, o delegado dixo que intentarán traballar co Ministerio de Transición Ecolóxica para modificar a lei e impedir que proxectos coma os parques Pena do Corvo e Taboada, emprazados fóra das áreas delimitadas no Plan Eólico, poidan seguir adiante", informou Victoria Castro, responsábel de prensa da plataforma Monfero Di Non.

Asemade, Castro defendeu que “non é normal que estas empresas comecen tramitar os seus proxectos sen contactar coa veciñanza, e teñamos que sabelo pola prensa, e o delegado deunos a razón”.