Segunda exposición do Consello da Cultura en Nova York

'As benvidas' da emigración galega en Estados Unidos

Detalle do cartel da exposición 'As benvidas', do Consello da Cultura Galega, en Nova York. Imaxe: cedida.

O Consello da Cultura Galega inaugura esta terza feira en Nova York a exposición As benvidas, que documenta “a amarga alegría das chegadas” e faino a partir “dos arquivos familiares” dos migrantes en Estados Unidos.
 

A mostra, de pequeno formato, estará na sociedade neoiorquina La Nacional. The Spanish benevolent. Á súa apertura asistirá María Xosé Porteiro, da comisión executiva do Consello da Cultura, o cónsul español para asuntos culturais Juan José Herrera e mais os comisarios da exposición James D. Fernández e Luis Argeo.

 

As benvidas é, dalgún xeito, o reverso doutra iniciativa da institución galega, Os adeuses, que, no Museo das Migracións de Ellis Island, recollía en 50 imaxes “os últimos momentos da emigración galega a través da ollada do fotógrafo Alberto Martí”. Acaba de ser incluída na programación da Semana do Patrimonio Inmigrante do Concello de Nova York.

 

As benvidas é froito dunha década de traballo de Fernández e Argeo “na dixitalización dos arquivos familiares dos descendentes en Estados Unidos”. Fotografías, documentos persoais e materiais “contribúen a perfilar a mestura de sentimentos encontrados dos emigrantes no momento da chegada aos Estados Unidos”.

 

A exposición divídese en cinco partes: Non deixes de buscar ao tío Andrés que xa sabe que chegas, Lembra: o traballo e a economía, a maior lotería; Apoiádevos os uns aos outros, Non nos olvides e Volverás?