A mostra, de pequeno formato, estará na sociedade neoiorquina La Nacional. The Spanish benevolent. Á súa apertura asistirá María Xosé Porteiro, da comisión executiva do Consello da Cultura, o cónsul español para asuntos culturais Juan José Herrera e mais os comisarios da exposición James D. Fernández e Luis Argeo.
As benvidas é, dalgún xeito, o reverso doutra iniciativa da institución galega, Os adeuses, que, no Museo das Migracións de Ellis Island, recollía en 50 imaxes “os últimos momentos da emigración galega a través da ollada do fotógrafo Alberto Martí”. Acaba de ser incluída na programación da Semana do Patrimonio Inmigrante do Concello de Nova York.
As benvidas é froito dunha década de traballo de Fernández e Argeo “na dixitalización dos arquivos familiares dos descendentes en Estados Unidos”. Fotografías, documentos persoais e materiais “contribúen a perfilar a mestura de sentimentos encontrados dos emigrantes no momento da chegada aos Estados Unidos”.
A exposición divídese en cinco partes: Non deixes de buscar ao tío Andrés que xa sabe que chegas, Lembra: o traballo e a economía, a maior lotería; Apoiádevos os uns aos outros, Non nos olvides e Volverás?