Bélxica imporá corentena obrigatoria a quen proceda da Mariña

Recomenda aos seus cidadáns e cidadás non viaxar a esta comarca galega e outros puntos da Península con rebrotes de coronavirus.

Bélxica anunciou esta quinta feira que obrigará a someterse a unha corentena de 14 días ao entrar no seu territorio aos viaxeiros que proveñan da Mariña, así como desde Lisboa ou Lleida, zonas nas que recentemente apareceron novos brotes de coronavirus.

A actualización da listaxe de países do Ministerio de Asuntos Exteriores de Bélxica implica que as e os viaxeiros desas zonas deben someterse a ese illamento forzoso ao entrar en Bélxica e a unha proba de diagnóstico do SARS- CoV-2 transcorridos nove días desde o ingreso no país.

Galiza carece na actualidade de conexións aéreas con Bélxica. O aeroporto máis próximo para voar a Bruxelas, a capital comunitaria, é Porto.