Beade, o único concello que comeza a semana no nivel máximo de restricións

Sanxenxo, nivel alto de restricións durante Semana Santa (Foto: Europa Press)

O concello de Beade comeza a semana no nivel máximo de restricións, mentres que Sanxenxo e Baiona se manteñen no nivel alto xunto con oito municipios máis.

O municipio de Beade é o único que comeza esta semana no nivel máximo de restricións, segundo o que acordou a Xunta de Galiza na reunión do subcomité clínico do pasado venres. Esta situación provoca o mantemento do peche perimetral do concello así como a redución dos servizos da hostalaría que permanecerá aberta unicamente para os servizos a domicilio ou para a recollida de pedidos. Ademais, as reunións de persoas non conviventes quedan prohibidas.

Nivel alto

Coa baixada ao nivel alto de Maside, que se situaba no máximo a pasada semana, aumenta o número de municipios con restricións altas a dez, entre os que se atopan Sanxenxo, Baiona, Vilardevós, Abegondo, Ortigueira e O Saviñao, cuxa posición se mantén, así como Cortegada, Pazos de Borbén e Padrenda que entran no nivel alto esta semana.

As restricións do nivel alto permítenlle á hostalaría abrir as terrazas até as 21h cun aforo do 50%. Tamén se autorizan as reunións dun máximo de seis persoas non conviventes en espazos abertos e de catro en interiores. Porén, as reunións nos domicilios ou en espazos privados continúan prohibidas.

Nivel medio

Se ben sobe o número de concellos no nivel alto, baixa nun punto aqueles que se sitúan no nivel medio, sendo actualmente un total de 18 municipios: Arteixo, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Camariñas, Cangas, O Carballiño, A Coruña, Culleredo, A Laracha, Laxe, Pantón, Ribadavia, Sober e Xinzo, aos que se suman Carral, Celanova e Neda.

As restricións destes concellos son moi similares ás dos que se colocan no nivel alto, pois só cambian as condicións da hostalaría, cuxo aforo en terrazas tamén é da metade mais, neste caso, permítese o uso do interior cun aforo do 30%. As medidas referidas ás reunións de non conviventes son as mesmas.

Nivel medio-baixo

O resto de concellos galegos sitúanse no nivel medio-baixo de restricións. Estas medidas volven variar unicamente no referido ao aforo da hostalaría que aumenta ao 75% nas terrazas e do 50% no interior. Porén, aínda que a maioría dos concellos galegos se manteñan neste nivel medio-baixo, continúan as restricións das reunións que non poden ser de máis de seis persoas non conviventes en exteriores e catro en interiores; e tamén permanece a prohibicións de encontros nos domicilios.

Estas medidas xa entraron en vigor na medianoite do domingo a hoxe. Con todo, o comité clínico volverase a reunir mañá para revisar o avance da situación.