Barreiros alega contra un eólico por proximidade a núcleos urbanos e afectación á gandaría

Vacas repousan ao pé dunha fileira de muíños eólicos na Serra do Xistral, no municipio de Abadín, na comarca da Terra Cha (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
O polígono eólico Barreiros I afectaría a actividade gandeira da zona

O Concello de Barreiros (comarca da Mariña) presentou alegacións contra o parque eólico Barreiros I –situado entre os municipios de Barreiros e Ribadeo– non só por "incumprir criterios técnicos e urbanísticos", senón porque afectará actividades existentes na zona, como á gandaría, e incluso ao propio Camiño de Santiago

Así, segundo explica a Nós Diario Ana Ermida (BNG), alcaldesa de Barreiros, dúas das principais alegacións que presentaron a este polígono eólico radican na proximidade dos aeroxeradores ao núcleo de poboación de Vila Martín Grande –a menos de 500 metros– e á afectación a sectores como a gandaría. "A apertura de camiños novos nunha zona de concentración parcelaria afectará ás explotacións gandeiras que operan alí", afirma Ermida. Mais tamén afectará "á actividade turística que pode estar vinculada ao Camiño de Santiago", que pasa por Vila Martín, indica a rexedora.  

Un informe técnico municipal valora desfavorabelmente o polígono Barreiros I, un documento no que tamén se apunta ao "fraccionamento continuo de proxectos que impiden a avaliación do impacto ambiental real e axeitado ás dimensións dos proxectos no seu conxunto".

De feito, son catro os polígonos proxectados neste concello da Mariña: os Barreiros I, II, III e IV. "Xa só véndoos no mapa pode percibirse unha continuidade, polo tanto é evidente que se está creando un polígono industrial", valora a rexedora. "Nós consideramos que todos os estudos de impacto ambiental teñen que facerse conxuntamente; do contrario, estanse fraccionando artificiosamente os estudos".  

Ao respecto, a alcaldesa de Barreiros solicita a paralización da tramitación do parque á espera dunha coordinación da planificación existente. Ermida censura que "a voracidade de empresas promotoras de proxectos eólicos supera a capacidade técnica e administrativa municipal". "Vémonos envoltos nun procedemento no que somos unha mínima parte con moi escasa capacidade de decisión", denuncia a alcaldesa. 

Barreiros III

Paralelamente, o Concello xa presentara en marzo alegacións contra o parque Barreiros III, no que se contempla a colocación de dous aeroxeradores na ladeira do monte Comado.