O barco que perdeu os pellets de plástico navega baixo bandeira de conveniencia

O buque 'Toconao' perdeu seis contedores á altura de Viana do Castelo. (Foto: Powell)

Este é o ‘Toconao’, o barco do que caeron os millóns de pellets que inundan as costas galegas

Desde o pasado 13 de decembro a costa galega rexistra a chegada de pellets de plástico. Pequenas bólas de cor branca que comezaron aparecendo dentro de bolsas de arredor de 25 quilos que tiñan impreso o nome dunha empresa, Bedeko Europe, con sede en Polonia, mais que, xa nos últimos días, aparecen soltos alagando areais galegos desde O Salnés até A Mariña.

Segundo se puido saber, estes sacos de Bedeko terían caído ao mar á altura da cidade portuguesa de Viana do Castelo 8 de decembro, procedentes dun buque mercante chamado Toconao —se ben a Xunta da Galiza trasladou, hai tan só tres días, que o nome do buque era un inexistente Tocanao—, un barco que navega con bandeira de Liberia.

Segundo bases de datos como Marine Traffic, Vessel Finder ou o propio historial de Maersk —empresa dinamarquesa á que Bedeko responsabiliza da catástrofe—, o Toconao partira do porto andaluz de Alxeciras o 5 de decembro con destino Rotterdam, nos Países Baixos. Unha ruta durante a cal tería perdido os seis contedores, un deles cargados de pellets de plástico.

A bandeira de Liberia está considerada un dos chamados “pavillóns ou bandeiras de conveniencia” ao entenderse a relación ou “lazo auténtico” entre o navío e o país abandeirado como accidental.

Estados como Liberia, Antiga e Barbuda, Bahamas, Bermudas, Chipre, Malta, Seychelles ou as Illas Caimán ofrecen un sistema de rexistro cuxos controis son mínimos, así como importantes vantaxes económicas con respecto ao país de orixe.

Así, empresas armadoras buscan que os seus buques ondeen bandeiras de conveniencia a fin de reducir os custos operativos e evitar regulacións estritas en canto a seguridade ou taxas fiscais.

Zona altamente “sensíbel”

A deputada do BNG no Parlamento Europeo e relatora da súa Comisión de Pesca, Ana Miranda, xa avanzou que alertará deste caso en Bruxelas.

Non hai moito, en outubro do ano 2023, Miranda defendeu nesta Comisión a necesidade de “reforzar as medidas internacionais de seguridade marítima”, advertindo dos problemas que supoñen as bandeiras de conveniencia en zonas sensíbeis como o corredor marítimo de Fisterra.

Na altura, a eurodeputada nacionalista alertara de que “o acontecido co Prestige e o clamor do Nunca máis puxo en evidencia que fan falta medios, leis de protección para o salvamento marítimo”, situando o corredor de Fisterra como “unha zona altamente sensíbel pola que pasan moitos barcos con bandeira de conveniencia”.