Atentados en Catalunya

Barcelona planta cara ao fascismo

[Imaxe: @antifaxismoa]

Na tarde da sexta feira, perto de 200 persoas encaráronse contra unha vintena de membros de La Falange e Democracia Nacional na porta do Mercat da Boqueria e lograron impedir unha ridícula concentración fascista. Por outra banda, os Mossos informaron de que os terroristas prevían acometer un masacre aínda maior.

O Mercat da Boqueria vestiuse de dignidade na tarde da sexta feira cando unhas 200 persoas plantaron cara á vintena de membros de La Falange e Democracia Nacional, que pretendían concentrarse após os atentados da quinta feira. Baixo berros de “fóra fascistas dos nosos barrios” e “Non, non, nazis non!”, veciñas e veciños de Barcelona impediron a mobilización dos membros destas organizacións de extrema dereita.

 

Non faltaron os momentos de tensión e os enfrontamentos físicos, que motivaron que os Mossos d’Esquadra separasen os dous grupos e apartasen os falanxistas da multitude.

 

Información sobre os atentados

 

Por outra banda, os Mossos anunciaban na tarde da sexta feira que xa foran identificadas as cinco persoas abatidas en Cambrils, e informaba da existencia de catro detidos e tres identificados. Aliás, sinalaba que viñan de atopar restos biolóxicos na casa de Alcanar que se están analizando e que poderían pertencer a outro terrorista morto na explosión.

 

Aliás, as investigacións dos Mossos apuntan que os autores dos atentados na Rambla e no paseo marítimo de Cambrils –que causaron 14 mortes e 130 persoas feridas– preparaban un masacre aínda de maior magnitude con explosivos no centro da capital catalá. Así, desde a casa de Alcanar planificarían desde había meses o ataque con bombonas de butano. Un material explosivo que estoupou antes de tempo, provocando un morto –e está por confirmar se os restos biolóxicos atopados na tarde da sexta pertencerían a un segundo falecido–.

 

Segundo o major dos Mossos, Josep Lluís Trapero, sería entón cando os presuntos autores do ataque actuaron “á desesperada” cun plan B: un atropelo masivo. "Estaban preparando un ou unha serie de atentados en Barcelona que a explosión de Alcanar evitou", sinalou en declaracións á prensa. De feito, os axentes atoparon máis dun cento de bombonas de butano na vivenda.